Casa do Concello e Escola Unitaria de Pancenteo súmanse ás enerxías renovables
O Concello saca a licitación en breve a instalación de dúas caldeiras de biomasa coas que se reducirá o impacto ambiental. Estarán cofinanciadas polo Instituto Enerxético de Galicia e fondos propios
Infogauda / O Rosal
O Rosal continúa dando pasos en firme para converterse nun municipio cada día máis sostible. O Concello sacará a licitación en breve a subministración e instalación de dúas caldeiras de biomasa para a produción de calefacción mediante combustible de pellet de madeira na Casa do Concello e na Escola Unitaria de Pancenteo. “No noso compromiso pola sostibilidade buscamos as alternativas máis viables para facer destes dous edificios catalogados por Patrimonio instalacións máis respectuosas co medio ambiente”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que destacou a importancia de ir transformando o sistema de calefacción dos edificios públicos dende o emprego de combustibles fósiles cara a outras fontes de enerxía renovables.
O uso desta fonte de enerxía na Casa do Concello e na Escola Unitaria de Pancenteo permitirá reducir as emisións de CO2 a atmosfera, ademais de favorecer a eliminación de materiais residuais debido ao tipo de biomasa empregada. O Concello decidiu cambiar estas dúas caldeiras despois de que un estudo de todas as instalacións de edificios públicos constatara que se trataba das caldeiras máis obsoletas e que se atopaban ao final da súa vida útil.
As obras de instalación, que contan coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, saen a licitación por un orzamento total de máis de 140.000 euros. Este investimento estará cofinanciado con fondos propios do Concello e polo Instituto Enerxético de Galicia dependente da Xunta de Galicia, ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.
“Con estas novas instalacións en edificios públicos melloramos a eficiencia enerxética, diminuímos o consumo e apostamos por unha enerxía limpa, convertendo pouco a pouco ao Rosal nun referente no emprego de enerxías renovables”, explica a alcaldesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario