O Rosal revive o universo de Vicente Risco con ‘O porco de pé’
A obra, dirixida por Quico Cadaval e estreada esta mesma semana, chega o domingo 3 (19.30 horas) ao auditorio municipal
Infogauda / O Rosal
O triunfo dos cartos, o ascenso do autoritarismo e a perda de valores na sociedade podería ser o resumo de ‘O porco de pé’, a novela de Vicente Risco que a compañía Producións Teatrais Excéntricas estrea esta mesma semana e que chegará ao Rosal o vindeiro domingo 3 de abril.
Baixo a dirección de Quico Cadaval e con Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo no elenco, a obra está dirixida a público adulto e traerá ao escenario do auditorio municipal un teatro de fenómenos cheo de monstros de barracón. A representación será ás 19.30 horas con entrada de balde e libre ata completar aforo.
Hai cen anos que Vicente Risco detectou unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapeus a confundirse cos propios burgueses. A divertidísima sátira do escritor ourensán, a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabaré, cobra agora máis vixencia que nunca. Unha viaxe fascinante á década dos anos 20 do século XX pola que pasarán como nunha lanterna máxica anarquistas, esportistas, agraristas, golpistas, vangardistas, caciquistas, futuristas, pasadistas e presentistas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario