9 de feb. de 2022

VIGO

Traballadores/as de Ilunion volven mobilizarse na ONCE en Vigo para reclamar unhas condicións laborais dignas 

O persoal deste centro especial de emprego demanda que se lle aplique o mesmo convenio do sector no que presta servizo

 

Empregados/as de Ilunion Servicios Industriales Galicia, centro especial de emprego do grupo ONCE, desenvolveron hoxe unha mobilización diante da sede da ONCE na Gran Vía

Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 Empregados/as de Ilunion Servicios Industriales Galicia, centro especial de emprego do grupo ONCE, desenvolveron hoxe unha mobilización para rexeitar a precariedade e a explotación laboral que padecen nas compañías da automoción viguesa para as que traballan e para reclamar que se lles  aplique o convenio do sector no que prestan servizo.  

 Nesta ocasión volveron concentrarse diante da sede da ONCE na Gran Vía, onde despregaron unha  faixa e berraron consignas denunciando os altos ritmos de traballo aos que están sometidos/as nas  compañías da automoción para as que traballan, así como a falta de formación obrigatoria, algo  especialmente grave ao tratarse de persoas con capacidades especiais. 

 Dende a federación de Industria explican que os 620 traballadores/as de Ilunion, que prestan servizo en empresas como Stellantis, Benteler, Lear e Denso, padecen unhas elevadas condicións de precariedade  -ingresan o salario mínimo interprofesional- e uns altos ritmos de traballo. Ademais, non reciben a  formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de  persoas con capacidades especiais, tanto físicas como psíquicas. 

Asembleas e convocatoria de folga 

 Para rematar con esta situación de precariedade e de explotación laboral os afectados/as reclaman que se lles aplique o convenio colectivo do sector no que prestan servizo, reivindicación que a CIG-Industria  -que conta con 10 dos 17 delegados/as do comité de empresa- considera tamén fundamental para  poñerlle freo aos abusos que padecen estes/as empregados/as. 

 Precisamente para abordar a problemática que padece o persoal de Ilunion a CIG vén de anunciar a  celebración de dúas asembleas o vindeiro martes día 15 no local do sindicato na cidade ás 10:30 e as  17:00 horas. Neses encontros decidirase a posibilidade de promover unha convocatoria de folga

Ningún comentario:

Publicar un comentario