88 empresas e persoas autónomas de A Guarda recibirán os 300€ da 2ª liña de axudas do Concello
Para paliar o impacto económico da COVID 19
• Esta liña de axudas, que estaba dirixida a negocios e entidades do 3º sector con actividade económica, repartirá un total de 26.400€. Á mesma presentáronse 121 solicitudes, das cales cumpriron os requisitos esixidos nas bases un 72%.
Infogauda / A Guarda
Desde praza do Reló, nº 1, sede da Casa do Concello o equipo de goberno vén de comunicar que "un total de 88 empresas e persoas autónomas de A Guarda recibirán os 300€ da 2ª liña de axudas do Concello, para paliar o impacto económico da COVID 19.
Esta liña de axudas, que estaba dirixida a negocios e entidades do 3º sector con actividade económica, repartirá un total de 26.400€. Á mesma presentáronse 121 solicitudes, das cales cumpriron os requisitos esixidos nas bases un 72%."
Desde o inicio da pandemia o Concello de A Guarda leva posto en marcha diversas actuacións para axudar a paliar os efectos económicos da COVID-19 nas actividades económicas da vila.
Redución na taxa de lixo, exención do pago de ocupación de vía pública polas terrazas e flexibilidade para a ampliación das mesmas (con vixencia de 2020 a 2022), formación para a xestión do COVID-19 na hostalería, creación da páxina web www.mercanaguarda.com, posta en marcha de campañas de concienciación para o fomento do consumo local, etc., foron algunhas das medidas postas en marcha polo consistorio guardés.
A estas accións uníronse dúas liñas máis de reactivación en forma de axudas directas. A primeira, que podía ascender a 700€, estivo dirixida a aqueles negocios que tiveron que pechar temporalmente a raíz da Orde do 26 de xaneiro de 2021, e que obrigou ao cese de actividade en ximnasios, piscinas, establecementos de restauración ou albergues turísticos, entre outros.
Na segunda liña de axudas o rango de gastos subvencionables incluíron gastos en material de prevención da COVID-19, inversións necesarias para adaptar o negocio á pandemia, incluso gastos de arrendamento e de cotas de autónomos e Seguridade Social.
O consistorio guardés sempre tivo claro que nesta extraordinaria situación debía situarse ao carón de toda a poboación, pero en especial daquelas persoas que traballan día a día non só para proporcionar servizos á cidadanía, senón tamén para xerar e manter postos de traballo na vila.
Por iso, unha vez máis o Concello de A Guarda aposta por utilizar os recursos municipais para contribuír na medida das súas posibilidades na recuperación e reactivación económica dos negocios locais, e está estudando sacar unha nova liña de axudas para atender peticións que non puideron ser atendidas nesta segunda convocatoria".
Ningún comentario:
Publicar un comentario