MOBILIDADE TRANSFRONTEIRIZA
O BNG LEVA AO PARLAMENTO GALEGO OS PROBLEMAS DO FERRI NA GUARDA
Anxo Lois Baz Vicente (portavoz municipal do BNG no Concello de A Guarda): “(...) Todo o pobo da Guarda sabe que este servizo está obsoleto e non cumpre coas necesidades de mobilidade que temos (...)”
De esq. á der.: Manuel Antonio Lourenzo, deputado do Grupo Parlamentario do BNG no Parlamento Galego, e Anxo Lois Baz, portavoz do Grupo Municipal do BNG no Concello de A Guarda, na plataforma do embarcadoiro do transbordador, ubicada na Pasaxe (Camposancos)
Infogauda / A Pasaxe (Camposancos)
O BNG vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento Galego “para abordar os problemas que afectan ao servizo de ferri entre A Guarda e Caminha. Un servizo que leva anos con carencias importantes e que nas últimas semanas se viron agravadas tralo peche que se produciu polas obras de reparación.”
Asemade, o BNG lembra que “o servizo de ferri de A Guarda-Caminha estivo sen prestar servizo varios días tras unhas obras de reparación que impedían o seu uso. Un servizo que aínda a día de hoxe non se restituíu na súa totalidade dado que o transporte de vehículos entre as dúas beiras do Miño aínda non se pode realizar.”
A este respecto o portavoz municipal do BNG na Guarda Anxo Lois Baz Vicente destacou que “estamos a ver como día a día esmorece un servizo sen que a ninguén pareza importarlle. É por iso que dende o BNG de A Guarda trasladamos as nosas demandas ao Parlamento Galego para esixir solucións. Todo o pobo da Guarda sabe que este servizo está obsoleto e non cumpre coas necesidades de mobilidade que temos, aínda así esiximos que mentras non dispoñamos doutra alternativa de mobilidade transfronteiriza de maior calidade se manteña o servizo de ferri nas mellores condicións posibeis.”
Anxo Lois Baz tamén indicou que “todas as Administracións implicadas deberían facer un esforzo e poñerse de acordo en buscar unha alternativa que nos permita unha mobilidade transfronteiriza real que sería un revulsivo para a veciñanza e para a economía da Guarda. Para iso debemos solucionar os problemas do ferri primeiro e despois apostar por un servizo real e de calidade”.
Pola súa banda, o deputado Manuel Antonio Lourenzo Sobral, do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG), sinalou: “Rexistramos esta iniciativa no Parlamento porque cremos na mobilidade transfronteiriza e cremos que a veciñanza da Guarda merece ser atendida”