2 de set. de 2025

A GUARDA

COA VIII BAIXADA DE CARRILANAS, PÚXOSE EN MOVEMENTO A PROGRAMACIÓN DAS FESTAS DAS MERCEDES, 2025  

• Grazas a importante afluencia do público e ao número de participantes, o evento foi todo un éxito



A destacada afluencia de público notouse en todo o percorrido da Baixada de Carrilanas
Reportaxe fotográfica: Santiago Baz Lomba



Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Logo do éxito das tres edicións precedentes, celebradas en 2022, 2023 e 2024, no circuíto urbano comprendido entre a praza de Avelino Vicente e a rúa do Porto, na vila de A Guarda; a VIII Baixada de Carrilanas Festas das Mercedes, 2025, volveu a mobilizar a centenares de persoas - segundo nosas estimacións, entre 4.000 e 4.500 - de toda a comarca do Baixo Miño, que non quixeron perderse a proba, que por espazo de dúas horas, tivo lugar na tarde do pasado sábado día 30 de agosto.

 Cunha participación total de 31 vehículos (5 carrilanas de un ocupante; 18 carrilanas de dous ocupantes; e 8 triciclos), a VIII Baixada de Carrilanas realizouse - logo dunha saída de recoñecemento do circuíto - duns 500 metros de lonxitude - establecido pola organización  - en dúas mangas por tempos, e finalmente unha gran final con todos os participantes xuntos.

 Cun tempo de 00:54.00, os vencedores da VIII Baixada de Carrilanas, foron Raúl Fernández e Francisco Javier (Chesco), coa carrilana Os Chaparrita.

 En 2º lugar, cun rexistro de 00:55.01, Yayo e Rubén, coa carrilana Apolo I.

 E a 3ª posición, cun crono de 00:59.01, foi para Xurxo e Sergio, coa carrilana NoAVEgacha (Os buzos).

 Ademais dos trofeos as tres primeiras carrilanas clasificadas, tamén foron premiadas A Bochineta [o contedor amarelo de lixo], de Aarón Goce e Adrián Cabra, como a mais orixinal; Os Sicasios no papamobil, de Silvio e Marcos, como a mais divertida; Tisen, 2025, de Braian, en carrilana individual; e en triciclos, polo espectáculo ofrecido, Alfredo Calviño. 

 Eses premios foron elexidos polo público e os trofeos, doados pola Deputación de Pontevedra.

 Asemade, cada un dos participantes foi agasallado cunha medalla, unha bolsa e un chaveiro, conmemorativos.

 Coa participación do alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero e outros membros da corporación municipal, a organización fixo entrega dos correspondentes trofeos.

 Asemade, os organizadores tamén fixeron entrega dun  trofeo ao Concello de A Guarda, pola súa colaboración.

  A organización da proba - Asociación Cultural e de Veciños O Percamino - Comisión de Festas das Mercedes, 2025 -, agradeceu á asistencia do numeroso público, así como ao Concello de A Guarda, Policía Local, personal municipal, GES de A Guarda, servizo de ambulancia, colaboradores no remolcado das carrilanas e triciclos, etc, facendo posible que unha proba desas características, cunha laboriosa loxística específica, e perfectamente coordinada; puidese realizarse con total éxito, malia que a chuvia fixo acto de presenza nos últimos minutos do evento, o cal non foi incomodo para que moitas persoas agardasen ata o remate final da baixada.

 E moi importante - decímolo un ano máis -, salientamos que con dilixencia, fosen retiradas as pacas de palla que a organización había colocado para unha maior seguridade na baixada; e na mañá do domingo día 31 de agosto, grazas ao formidable desempeño do persoal achegado polo Concello de A Guarda, todo o traxecto da baixada estivese perfectamente limpo.

 Dese xeito, as Festas das Mercedes 2025 comezaron con éxito e coa satisfacción do respectable público que asistiu a VIII Baixada de Carrilanas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario