20 de ago. de 2021

OIA

O Concello de Oia investirá 65.000 euros en ampliar a rede de saneamento 

· Este proxecto consiste na construción de rede de saneamento de augas residuais no camiño da Aguieira (Santa María de Oia) e da parte baixa do Sobral (Viladesuso)

 

Este é un dos lugares onde se realizarán os traballos de ampliación da rede de saneamento

Foto: C.O.


Infogauda / Oia

 O Concello de Oia investirá máis de 65.000 euros en ampliar a rede de saneamento municipal, uns traballos que permitirán conectar o camiño da Aguieira (Santa María de Oia) e, na parroquia de Viladesuso, prolongar a rede existente ata a altura de Paxariños-Sobral.  

 A Administración local fixo unha solicitude ás  subvencións de Augas de Galicia destinadas á execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración; resultando beneficiaria dunha axuda de 50.000 euros para a execución do proxecto presentado.   

 Este proxecto consiste na construción de rede de saneamento de augas residuais no camiño da Aguieira (Santa María de Oia) e da parte baixa do Sobral (Viladesuso). Nestes puntos instalarase unha rede composta por colectores de PVC, os correspondentes pozos de rexistro e as acometidas domiciliarias. Unha vez finalizados os traballos, reporase o firme dos camiños afectados polas obras.  

 O Concello de Oia afrontará os custos destas obras cos 50.000 euros da subvención concedida por Augas de Galicia e o importe restante asumirao con fondos propios.  

Licitación  

 O Concello vén de sacar a licitación destas obras de saneamento, cun orzamento total de 65.122,6 euros (IVE incluído). O anuncio de licitación esta publicado no taboleiro de anuncios da sede electrónica e na plataforma de contratación do Estado.

 A antedita licitación levarase a cabo mediante procedemento aberto e as empresas interesadas terán de prazo ata o 24 de agosto ás 14.00 horas para presentar as súas ofertas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario