Presentación en Salceda de Caselas dos resultados das análises efectuadas no laboratorio de Verín, por Fernando Serrulla
• Agora xa sabemos algo máis dos restos óseos encontrados na foxa de Soutelo (Salceda de Caselas). Falta a súa identificación por medio de probas de ADN
Onte, martes, 26 de agosto, ás 19:00h no Auditorio Municipal de Salceda de Caselas, tivo lugar a proxección do vídeo resumo dos traballos de exhumación, e presentación dos resultados da análise antropolóxica a cargo de Fernando Serrulla
Fotos: Santiago Baz Lomba
Helena Pousa*
As escavacións realizadas a inicios de xullo para a localización da foxa de
Soutelo no adro da igrexa de San Vicente de Soutelo, en Salceda de Caselas, tiveron
como primeiros resultados o achado, a un nivel máis superficial, de varios
restos óseos descontextualizados, moi remexidos, amais dos restos dun home e
dunha muller, veciños da parroquia. Unha neta solicitou a comprobación de se o
varón alí enterrado, ao que lle practicaran a autopsia, era o seu avó Manuel. Agora
os seus familiares, tralas probas de ADN positivas, xa poden recoller os seus
restos e trasladalos ao panteón familiar.
Segundo comenta o arqueólogo Breogán, a presenza de varios enterramentos no
mesmo lugar non resulta nada estraño pois todos os adros foron utilizados como
camposantos desde a Idade Media ata hai ben pouco. Aínda a finais do século
XX era unha práctica ben habitual en Galicia,
especialmente naqueles adros que ían quedando pequenos e non comezaran coa ampliación do cemiterio e coa
construción de nichos.
A busca das 7 vítimas paseadas proseguiu durante o resto dos días da
escavación na primeira semana de xullo. No xoves, a nun nivel máis profundo, os
arqueólogos localizaron unha nova fosa paralela á parede da igrexa. Nela apareceron
os restos de dúas persoas. Fernando Serrulla tras unha primeira análise in situ
concluíu que poderían ser dúas das vítimas buscadas pois presentaban signos de
violencia na tampa dos miolos. Despois das análises no laboratorio xa puido
precisar con máis detalle que en ambos cranios había o furo de unha bala, dun
calibre que se corresponde coas armas utilizadas no 36 nas mortes
extraxudiciais.
Tralo traballo arqueolóxico, vén o traballo antropolóxico no laboratorio. E o forense Fernando Serrulla concluíu que ambos os dous eran varóns, un deles menor de 25 anos e o outro duns 30 anos de idade.
Unindo as investigacións do laboratorio coas investigacións do informe
histórico, chegouse á conclusión de que un deles podería ser ou Severo Boente,
de 25 anos, ou Antonio Domínguez, de 26
anos, pois ambos son os máis novos do grupo. Descartouse, aínda que non
totalmente, a Leoncio Muíños, de 24 anos, natural de Tui, que viviu na Guarda e
logo no Porriño, porque quedara coxo despois dun accidente, e os restos óseos
das pernas non presentaban signos de fracturas.
As vítimas da foxa de Soutelo representan unha cifra insignificante se temos
en conta o grande número de paseados e paseadas en Galicia e no resto de España.
Estes asasinatos, ou máis tecnicamente “mortes extraxudiciais”, sempre as
executaban nun lugar afastado, e despois, para escarmento da poboación, os mortos quedaban á vista dos veciños. A
diferenza doutras vítimas aparecidas noutras foxas, onde os botaban directamente
ao buraco sen ningún tipo de decoro, uns
por riba doutros, amontoados como sacos de patatas, as da foxa de Soutelo, que
foran trasladadas ao cemiterio de Soutelo por orde xudicial, e carretadas por
un veciño, tiveron un enterramento seguindo
as normas das prácticas cristiás pois apareceron dentro duns caixóns, e colocados
con certa dignidade. Segundo comentou Fernando Serrulla, isto é posible porque neste
caso non foron, coma noutros lugares, os vitimarios os que se encargaron de
soterralos. Nos primeiros meses do
terror aínda se seguiron uns determinados protocolos nos enterramentos, se os
facían os veciños, unhas normas que segundo vai avanzando a guerra e a dura
represión se esquecen totalmente. Neste caso o propio cura da parroquia deulles
enterramento e apuntou os seus nomes no libro de defuntos con todos os detalles
dos seus familiares e da súa procedencia. Grazas a iso e ás actas do Rexistro
Civil, coñeciamos os seus nomes desde as
primeiras investigacións.
Agora, tras desta primeira fase, faltan as probas de ADN. Hai dúas posibles coincidencias, a de Severo Boente e a de Antonio Domínguez, mais hai que ir con cautela porque para as futuras probas de ADN os parentes cos que contamos xa son moi afastados (sobriños netos) e non podemos asegurar se se poderá concluír sen dúbida ningunha a cal destes dous pertencen os restos do máis novo.
* Presidenta da Comisión da Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, Condado e Louriña
Ningún comentario:
Publicar un comentario