16 de dec. de 2021

O ROSAL

O Rosal, un lugar de encontro para as familias e os seus fillos e fillas   

Cada vez máis pais, nais e bebés conviven no "Espazo Crianza" que creou o Concello


   
O "Espazo Crianza", que impulsa o Concello, brinda a nais e a pais un lugar de encontro e acompañamento durante o crecemento dos seus fillos e fillas

Fotos: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O Rosal quere que as súas familias desfruten dos seus fillos e fillas da mellor maneira. Por iso, a través do proxecto "Espazo Crianza", que impulsa o Concello, brinda a nais e a pais un lugar de encontro e acompañamento durante o crecemento dos seus fillos e fillas. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, explica que “estamos moi contentas coa boa acollida do servizo por parte da veciñanza”, e lembra que a participación neste espazo é de balde. As persoas interesadas deberán facer unha inscrición previa enchendo este documento e entregándoo no Concello, tanto en Rexistro como á educadora familiar. 

 Estes encontros, nos que se aborda unha educación libre, activa e respectuosa, están divididos en grupos dependendo da idade dos nenos e nenas. Por un lado, hai acompañamento prenatal dirixido a futuros pais e nais xestantes a partir da semana 28 de embarazo, con sesións quincenais os mércores de 10 a 11 horas que comezarán o vindeiro 6 de outubro. Tamén se implementaron dous grupos para acompañar ás familias no desenvolvemento integral do seu bebé, dependendo do seu desenvolvemento motor e cognitivo. Así, hai un grupo para bebés de 0 a 6 meses e outro de 6 a 12 meses. Tamén será unha sesión quincenal, a primeira foi o mércores 13 de outubro en horario de 10.00 a 11.00 e de 11.30 a 12.30  h, respectivamente. 

 Este Espazo era, en palabras da alcaldesa, “unha demanda habitual nas familias” e xurdiu coa intención de “axudalas a crecer de maneira sa cos que seus pequenos e pequenas cun servizo próximo e de calidade”.  Para a rexedora este servizo tamén é un xeito de facer do Concello un lugar máis inclusivo e accesible para as familias. “Un paso máis no noso camiño cara un O Rosal para todos e para todas”, conclúe Ánxela Fernández.

Ningún comentario:

Publicar un comentario