16 de dec. de 2021

O BAIXO MIÑO

O comité de folga da atención primaria no Baixo Miño  denuncia uns servizos mínimos abusivos que non se  axustan á realidade dos centros 

A CIG convoca tres días de paro no Rosal, A Guarda e Oia os próximos  21, 22 e 23 de decembro por unha asistencia sanitaria digna 




 Infogauda / O Baixo Miño

 O comité de folga da atención primaria do Baixo Miño denuncia “os servizos mínimos abusivos  decretados polo Sergas para os vindeiros 21, 22 e 23 de decembro, cando o persoal dos centros de  saúde do Rosal, A Guarda e Oia e o do PAC de A Guarda está chamado a un paro para reclamar unha  asistencia sanitaria de calidade e unhas condicións laborais dignas”. 

 A folga foi convocada pola CIG ante a preocupación existente “pola especial gravidade que está a ter o deterioro da atención primaria nestes tres concellos, con gran repercusión na poboación da zona”. Este mércores 15 de decembro tivo lugar a negociación dos servizos mínimos coa Xerencia da área  sanitaria, que se pechou sen acordo. Dende o comité de folga, integrado por delegados/as da CIG e  traballadores/as de cada un dos centros, denuncian que a Administración “optou por impoñer uns  servizos mínimos abusivos que non se axustan á realidade actual dos centros”. 

 Citan como exemplo os mínimos marcados na categoría de persoal facultativo, que establece un  número de traballadoras/es co que non se contaba en semanas anteriores, xa que non había persoal  médico de familia nos centros de saúde do Rosal e de Oia. Do mesmo xeito, a cifra fixada para a  Guarda excede ao número de facultativos/as cos que ten contado o centro tamén nos últimos meses. 

 Por outra banda, consideran paradoxal que nos centros do Rosal e de Oia non se considere como  estrutural a praza de pediatría, “o que evidencia a denuncia reiterada das plataformas en defensa da  sanidade pública destes concellos da eliminación da atención pediátrica e a preocupación de que esta  medida tomada coa escusa da pandemia sexa definitiva”. 

 En todo caso, entenden que estes servizos mínimos veñen a demostrar que o persoal destes centros ten  que asumir de forma habitual e reiterada no tempo un volume de traballo “enorme e desproporcionado en canto aos recursos”. O que está a repercutir negativamente na poboación da zona, “que ve como  están a mermar os recursos e a aumentar os tempos de espera para consultas, ademais de medrar os  problemas de continuidade asistencial nas súas doenzas”. 

 Polo tanto, desde o comité de folga solicitan “a comprensión e o apoio” da poboación destes tres  concellos, “xa que tanto profesionais como doentes somos vítimas das nefastas políticas que levaron a  esta situación”. Finalmente, queren deixe moi claro que durante os días de folga a atención urxente e  non demorable estará garantida. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario