Conmemoracion dos Sucesos de Sobredo - 99 aniversario
Domingo 28 de novembro, ás 11:00 horas, concentración na Carballeira de Sobredo
Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo- IEAMSO
Hai 99 anos, no 28 de novembro do ano 1922, no lugar de Sobredo (Guillarei - Tui) cando a Garda Civil disolveu a tiros unha concentración de labregas e labregos, tres persoas: CÁNDIDA RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, de Pazos de Reis (Tui); VENANCIO GONZÁLEZ ROMERO, de Budiño (Salceda); e, JOAQUÍN ESTÉVEZ BESADA, de Soutelo (Salceda); quedaron mortas e varias resultaron feridas; participaban nun acto solidario de apoio a un veciño de Sobredo que ía ser embargado por non pagar rendas de Foros.
Do papel protagonista da muller nas loitas sociais, de comezos do século XX dá testemuñado o seu martirio en moitas da traxedias desencadeadas pola represión, exercida nesa altura; tentando por freo a rebeldía contra a inxustiza. Ramón Cabanillas deixa constancia dese feito e honra á muller galega na persoa de Cándida Rodríguez, vítima nos sucesos, no poema “Sobredo” (Da terra asoballada, 1926):
¡Nai galega que diche a sangue xenerosa
para calmar a sede rabiosa da impiedade,
nos agros de Sobredo frorecéu unha rosa!
¡Ardente e sanguiñenta, agoira Libertade!
Sobredo, dende ese momento, forma parte na memoria colectiva como símbolo e lugar no que a sociedade labrega galega é martirizada; unha sociedade agraria que loitaba pola plena propiedade da terra; único medio de sustento, nunha época de penuria e carencias ás que se trataba dar remedio coa emigración, naquela época a América; quedando as mulleres ao cargo da casa e familia.
O acto de homenaxe ten lugar ao pe do Monumento aos Mártires, da autoría do escultor Camilo Nogueira; obra levantada no décimo aniversario, en novembro de 1932; e dinamitada en xullo do 1936, nos primeiros días do golpe de estado franquista. Coa recuperación da memoria dos feitos, dende 1986 e reconstrución do monumento, en 1988, por iniciativa de entidades veciñais (asociacións de veciños, asociación culturais, comunidades veciñais de montes), realízase anualmente o acto conmemorativo aos Mártires de Sobredo.
Neste ano 2021, no domingo 28 de novembro, os actos desenvolveranse de acordo ao seguinte PROGRAMA:
11,00 CONCENTRACIÓN - CARBALLEIRA DE SOBREDO
11,30 DESPRAZAMENTO ATÉ O MONUMENTO
12,00 PRESENTACIÓN DO ACTO E INTERVENCIÓNS:
SAÚDA; representación do IEAMSO.
Intervencións de:
MARTA DACOSTA ALONSO. Poeta
RAMÓN VARELA DÍAZ. Biólogo e ecoloxista
13,30 OFRENDA FLORAL NO MONUMENTO
CLAUSURA DO ACTO. GRUPO DE GAITAS “FOLIEIROS”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario