A Xunta de Galicia licita por 544.000€ as obras para minimizar os riscos de asolagamento na contorna de Sabarís, no concello de Baiona
O obxectivo é acometer as actuacións necesarias para a mellora da drenaxe no camiño das Monxas e no camiño Pouquena, situados nas proximidades da desembocadura do río Groba e identificados como de risco potencial significativo de inundación
As obras enmárcanse no convenio de colaboración asinado co Concello o pasado mes de maio, polo que a Xunta asume o financiamento, a contratación e a execución das obras
Os traballos, cun prazo de execución de 5 meses, consistirán na reforma da rede de pluviais, coa execución de 4 colectores, mellorando a súa capacidade de desaugue
As empresas interesadas en executar este proxecto poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de xaneiro
O departamento que preside Ethel Vázquez segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida recuperación fronte ás súas consecuencias
Infogauda / Baiona
A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licita hoxe por 543.886,99 euros as obras para minimizar os riscos de inundacións no camiño das Monxas e no camiño Pouquena, no lugar de Sabarís, no concello de Baiona.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación destas obras. As empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 10 de xaneiro de 2022.
Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado en maio entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello, no que se recolleron as actuacións necesarias para impulsar as obras de mellora da drenaxe nestes dous viarios situados nas proximidades da desembocadura do río Groba e identificados como de risco potencial significativo de inundación.
As obras estarán cofinanciadas con fondos europeos FEDER 2014/2020.
Antecedentes e as actuacións
As intervencións proxectadas pola entidade hidráulica da Xunta, que buscan minimizar os asolagamentos nesta contorna, están recollidas no Plan de xestión específico realizado na área de risco potencial significativo de inundacións do río Groba, no que Augas de Galicia contemplou as distintas opcións para o desenvolvemento de intervencións que contribúan a minimizar o risco de inundación.
Os traballos obxecto do contrato licitado hoxe consisten na reforma da rede de pluviais existente a través da execución de 4 colectores, o que permitirá mellorar a súa capacidade de desaugue nas condicións máis desfavorables, coa coincidencia da preamar con fortes precipitacións.
Plan de xestión específico da área de risco potencial significativo de inundación
En paralelo, Augas de Galicia está a desenvolver os plans específicos de xestión en 9 zonas fluviais con maior risco de inundacións. Trátase das contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Ulla-Sar, en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira, Pontecesures e Valga; o Anllóns, en Carballo; Campeda, en Vimianzo; Fontecova e Trasposta, en Viveiro; Bahíña e o propio Groba, en Baiona; así como no Lagares, en Vigo.
Estes plans recollen medidas e actuacións paliativas e preventivas de aplicación polas distintas administracións, Xunta e Concellos, para minimizar o risco de enchentes.
O departamento que preside Ethel Vázquez segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario