8 de out. de 2021

TOMIÑO

Os GDRs Eurural e Condado Paradanta organizan tres cursos centrados na gandería  

Por primeira vez dous grupos de desenvolvemento rural veciños ofertan accións formativas conxuntas  


Sandra González, presidenta de Eurural e alcaldesa de Tomiño, e Juan Pablo Castillo, presidente do GDR Condado Paradanta e rexedor de Covelo, presentaron este venres estes novos cursos

Foto: Eurural

Infogauda / Tomiño

 Por primeira vez dous grupos de desenvolvemento rural veciños únense para levar a cabo accións formativas de xeito conxunto. Os GDRs Eurural e Condado Paradanta veñen de poñer en marcha tres cursos de balde centrados na gandería que se celebrarán ao longo dos meses de outubro e novembro en tres municipios de ambos territorios: Tomiño, Fornelos de Montes e Ponteareas. 

 Sandra González, presidenta de Eurural e alcaldesa de Tomiño, e Juan Pablo Castillo, presidente do GDR Condado Paradanta e rexedor de Covelo, presentaron este venres estes novos cursos cos que os grupos de desenvolvemento rural buscan seguir traballando para contribuír a un maior desenvolvemento e crecemento da economía local. Os cursos, organizados en colaboración coa Axencia Galega de Calidade Alimentaria e Beealia, van dirixidos a gandeiros e gandeiras para a súa formación continua. 

 González salientou “a importancia de establecer colaboracións entre territorios veciños con moitos aspectos en común, unha cooperación que continuaremos impulsando”. Unha idea que ratificou Castillo, quen asegurou que se trata “dun primeiro paso, xa que seguiremos realizando xuntos novos proxectos”. 

Tres accións formativas 

 O primeiro curso celebrarase os vindeiros 24 e 25 de outubro e estará centrado na ‘Iniciación e mellora da gandería de vacún de carne’. A acción formativa será de 09.00 a 14.00 horas na Aula Temática da CMVMC de Pinzás, en Tomiño. O obxectivo do curso é achegar os coñecementos básicos para iniciar unha gandería deste tipo ou de revisar e establecer estratexias de produción reais e con perspectiva de futuro para as persoas que xa as teñan. Repasaranse as principais áreas de coñecemento da gandería e realizarase unha visita de campo para a posta en práctica de todo o aprendido. 

 Do 8 ao 10 de novembro a actividade formativa trasládase a Aula da Comunidade de Montes de As Estacas, en Fornelos de Montes. Durante as sesións, de 09.00 a 14.00 horas, as persoas participantes afondarán sobre a convivencia e prevención de ataques de lobos á gandería. Será un curso participativo co que se busca coñecer as ferramentas dispoñibles para evitar ataques, analizando a situación do lobo en Galicia, os mitos, as medidas preventivas eficaces, o seu financiamento e a súa situación a nivel europeo. A formación rematará cunha práctica de campo sobre a realización correcta de peches de diversos tipos para a protección do gando. 

 A actividade rematará en Ponteareas cun curso de ‘Iniciación e mellora de gandería de ovino e cabrún’ do 15 ao 19 de novembro. Tamén de 09.00 a 14.00 h no Centro Cultural Irmáns Barcia, en Padróns, as e os participantes aprenderán as nocións básicas para iniciar unha gandería deste tipo, tanto de carne como de leite, ou poderán establecer estratexias de futuro en caso de xa dispoñer dunha. Razas, sistemas de cría, comercialización, manexo da reprodución, pastos, cambio climáticos, análise económico... serán algún dos aspectos nos que se afondará durante as sesións. 

 As persoas interesadas poderán inscribirse xa a través dos formularios habilitados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario