22 de out. de 2021

TOMIÑO

Tomiño comparte con 10 países europeos a súa experiencia de cooperación con Vila Nova de Cerveira  

Os alcaldes presidiron en Goián a segunda sesión de traballo do I Encontro Internacional do Proxecto Bridge   



Presidida pola alcaldesa Sandra González e o seu homólogo de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, a xornada, celebrada no salón do Centro Goianés, comezou coa presentación da experiencia en cooperación transfronteiriza entre Cerveira e Tomiño

Fotos: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Goián acolleu hoxe a segunda xornada do Encontro Internacional do Proxecto Bridge no que participa Tomiño canda outros 10 socios europeos, co obxecto de crear redes de cooperación en materia transfronteiriza e intercambiar boas prácticas.  

 Presidida pola alcaldesa Sandra González e o seu homólogo de Vila Nova de Cerveira, Rui Teixeira, a xornada, celebrada no salón do Centro Goianés, comezou coa presentación da experiencia en cooperación transfronteiriza entre Cerveira e Tomiño, baseada no aproveitamento de recursos común, como a piscina municipal de Cerveira, onde un 60% dos usuarios son españois, ou a escola de música de Tomiño, á que acoden habitualmente nenos e nenas da localidade lusa. 

 Asemade, déronse a coñecer proxectos de desenvolvemento impulsados pola Eurocidade Cerveira-Tomiño ou polo AECT Río Minho; intercambnios musicais e proxectos en rede.  

 No resto da mañá celebráronse conferencias sobre boas prácticas, como as existentes entre universidades galegas e portuguesas, e unha intervención a cargo dun representante da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea.  

 O Proxecto BRIDGE, coordinado pola Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira e financiado polo Programa Europa para cidadáns da Unión Europea, integra 11 entidades e municipios transfronteirizos de 11 países, co fin de promover a cidadanía e a cohesión social alén das fronteiras. Así, no proxecto participan, ademais de Tomiño e Cerveira, entidades de Bulgaria, Hungría, Eslovaquia, Eslovenia, Italia, Chipre, Lituania, Letonia e Serbia.  

 Durante a execución do proxecto, ata outubro de 2022, os parceiros analizarán as causas que alimentan a xenofobia e o euro escepticismo en moitos países, presentando posíbeis solucións para garantir que as rexións transfronteirizas da Unión Europea poidan, a través dos seus propios medios, contribuír á mellora da cidadanía europea.  

 O destes días é o primeiro encontro que se levarán a cabo en diferentes países de Europa, e nos que se abordarán temas relacionados coa financiación de programas e oportunidades para promover a cooperación transfronteiriza e europea; os problemas causados pola suspensión do Tratado de Schengen durante a pandemia; iniciativas de cooperación transfronteiriza nas áreas social, cultural, ambiental e de cidadanía ou as dificultades legais que existen na actualidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario