O Rosal súmase ao sendeirismo inclusivo
O Concello adquire unha cadeira todo terreo para que as persoas con mobilidade reducida poidan desfrutar ao máximo da natureza
Fotos: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Rosal continúa dando pasos para convertese nun municipio accesible e inclusivo para todos e todas. O Concello acaba de adquirir unha cadeira todo terreo para que as persoas con mobilidade reducida poidan realizar e desfrutar as sendas naturais da súa contorna. Manuel Sobrino e persoas da asociación San Xerome Emiliani foron os primeiros en probala nunha pequena ruta pola Explanada do Horizonte, na que estiveron acompañados da alcaldesa, Ánxela Fernández, e varios concelleiros e concelleiras. Esta primeira xornada estivo destinada a coñecer e a probar a cadeira e foi, en palabras da rexedora, “unha experiencia moi positiva” grazas “ao bo facer de Manuel e dos rapaces e monitores da asociación”.
Con esta cadeira o Concello pretende crear un servizo permanente para que as persoas con mobilidade reducida poidan facer sendeirismo de xeito programado acompañado dun equipo de voluntarios e voluntarias que xa se están a procurar. Para a alcaldesa esta adquisición “é un paso máis cara a inclusión integral que o Concello comezou co proxecto Cocreando Sociedade” e explica que, agora, soamente falta coñecer máis e mellor o seu funcionamento en distintos escenarios. Na seguinte xornada de proba Manuel percorrerá a ruta dos muíños do Folón e do Picón.
A cadeira todo terreo conta soamente cunha roda e con dous elementos de agarre, un traseiro e outro dianteiro. A persoa que a utilice debe ir acompañada de polo menos dúas persoas, xa que unha debe asegurar o seu equilibrio e outra encargarse da tracción e da dirección. Durante a xornada da Explanada do Horizonte tanto Manuel, como as persoas usuarias da asociación, e o equipo de goberno puideron comprobar de primeira man o mecanismo de funcionamento da cadeira e xa están listos para rutas con maior grao de dificultade.
Esta aposta polo sendeirismo inclusivo enmárcase dentro do proxecto Cocreando Sociedade, co que o Rosal trata de estreitar lazos entre tecido asociativo, administración local e entidades que traballan a prol da diversidade para deseñar de forma conxunta estratexias e iniciativas inclusivas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario