O Rosal recoñece ao seu cineasta Gon Caride
A alcaldesa, Ánxela Fernández, recibiu no Concello ao veciño que coa súa última curta “Deux Options” acumula 55 seleccións en festivais internacionais
Infogauda / O Rosal
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, quixo recoñecer o traballo do cineasta internacional e veciño Gon Caride cun recibimento no Concello. A rexedora recibiu ao artista despois de que a súa última curta “Deux Options” fora seleccionada en máis de 55 festivais internacionais e acumule 9 premios de prestixio, entre eles, mellor guión e mellor actuación masculina no Festival de Cans, mellor curtametraxe no Kazan International Muslim Film Festival (Rusia) e mellor director e mellor drama nos Independent Short Awards (EEUU).
“Gon Caride é un gran profesional e tamén un gran veciño”, destacou a alcaldesa durante o recibimento. A rexedora explicou que no Concello quixeron premialo con este recoñecemento por ser “un artista que enriquece as nosas vidas coas súas creacións e que, con elas, é embaixador da cultura do Rosal polo mundo”, ademais dun “exemplo para moitos veciños e veciñas que soñan con contar historias con imaxes”, concluíu.
Gon Caride sempre estivo interesado polo cine e as historias audiovisuais, tanto que decidiu saltar o charco para cumprir o seu soño emigrando a New York, onde estudou realización e dirección de fotografía. Durante os seguintes 10 anos viviu e traballou como guionista, realizador, fotógrafo, analista de guión e director de fotografía en Estados Unidos, Reino Unido, Polonia e Francia.
A súa primeira curtametraxe “October” rodouna en Polonia, con fala rusa, e foi seleccionada por varios festivais internacionais e tamén polo Instituto Cervantes dentro do seu programa itinerante “El Nuevo Talento del Cortometraje Español”. Despois chegaron “Impermanencia” e “Deux Options” e, agora, Gon Caride busca financiamento para levar a cabo tres novas curtametraxes de ficción.
Ningún comentario:
Publicar un comentario