23 de set. de 2021

VIGO

Ofensiva xudicial contra o Sergas, o 061 e a empresa tras  a morte dun doente nunha ambulancia sen asistencia 

A familia do afectado e a CIG iniciarán accións legais para depurar  responsabilidades e evitar o uso de vehículos en precario 


Na comparecencia diante dos medios de comunicación participaron o secretario comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Manolo Moreira, o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG de Vigo, Carlos  Lamosa, e os delegados sindicais en Atención Primaria e no 061, Pilar Rodríguez e Óscar Graña. 

Infogauda / Vigo

 A familia da persoa que faleceu a semana pasada en Vigo mentres era trasladada nunha ambulancia  sen asistencia sanitaria enviada polo 061 iniciará de forma conxunta coa CIG as accións legais  oportunas para depurar responsabilidades e evitar que se volvan mobilizar de xeito habitual  vehículos sen o material nin o persoal técnico necesario. Así o anunciou hoxe en rolda de prensa a  central sindical, que xa presentou denuncias polo acontecido diante da Inspección de Traballo e da  Valedora do Pobo, ademais de requirirlle á Consellaría de Sanidade que cese neste tipo de prácticas  e ao 061 que faga públicos o número de servizos que realiza en precario a empresa Coexam. 

 Na comparecencia diante dos medios de comunicación participaron o secretario comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Manolo Moreira, o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG de Vigo, Carlos  Lamosa, e os delegados sindicais en Atención Primaria e no 061, Pilar Rodríguez e Óscar Graña. 

 Os responsábeis sindicais explicaron que a familia do afectado solicitoulle á CIG que iniciase as  accións xudiciais oportunas, polo que os servizos xurídicos da central sindical están a estudar o xeito  de facelo: se con denuncia na Fiscalía ou a través dunha demanda penal, de maneira conxunta ou  por separado, “co obxectivo de depurar as responsabilidades tanto no Sergas e no 061 como na  empresa á que pertence a ambulancia, Coexam”.  

 Detallaron que a persoa sufriu un episodio de inconsciencia a bordo dunha ambulancia enviada polo  061, e polas características do vehículo, pola dotación material que tiña e pola falta de persoal  técnico de emerxencias cualificado que supervisase o paciente na cabina asistencial non se lle  puideron realizar as manobras de soporte vital que recomendan todas as sociedades científicas de  carácter internacional. “O único que se fixo foi, ao igual que se facía no século pasado, cargar e  correr até chegar ao hospital”.  

 Neste senso, cualifican de “intachábel” a actuación da médica e sosteñen que descoñecía que a  ambulancia que se ía mobilizar carecía de material e de persoal técnico. “O que lle aconteceu pode  pasarlle a calquera, polo que a partir de agora o persoal médico ten que asegurarse de que tipo de  recurso se vai mobilizar cando solicite un traslado, porque se expón a ser criminalizado pola  Administración como lle está a acontecer á doutora que o atendeu, que de forma vil e reprobábel  está a ser culpabilizada do suceso polo Sergas”.  

Sálvese quen poida 

 En consecuencia, entenden que a partir de agora “ábrese unha nova era no servizo, xa que o 061  pasa a xestionar tres tipos de ambulancias: medicalizadas, asistenciais e de sálvese quen poida”.  Fronte a isto, quixeron poñer en valor o traballo do persoal técnico durante a asistencia sanitaria,  cuxo papel consideran fundamental. “Antes asistencia comezaba no hospital, pero agora comeza no  lugar onde se atopa o paciente”.  

 Lembraron que a lei especifica claramente que existen dous tipos de ambulancias, as asistenciais  (contan con persoal técnico sanitario) e as non asistenciais. O 061 pode botar man de calquera tipo  de dotación de xeito excepcional, por exemplo en caso de catástrofe ou se os servizos que se  demandan superan os recursos da rede propia.  

 “Pero estamos a ver todos os días como a partir do 29 de xullo entre tres e catro ambulancias da  empresa Coexam prestan servizos na área sanitaria, mentres que o 061 conta con seis vehículos”.  Sinalan que esta práctica vén sendo habitual en menor medida dende hai dous anos, pero na  actualidade unha de cada tres ambulancias que mobiliza o 061 en Vigo xa non son da rede propia. 

 Pero o 061 “minte deliberadamente” asegurando que se trata de algo excepcional, cando non o é.  Ademais Vigo está a ser utilizado como “banco de probas” para que dentro de dous anos, cando se  volva configurar o mapa de recursos do servizo de ambulancias, se utilicen xa dende o principio  ambulancias deste tipo.  

 “É algo que non imos permitir, polo que esta mesma semana presentamos denuncia diante da  Valedora do Pobo e da Inspección de Traballo e entregamos escritos na Consellaría de Sanidade para esixirlle que se deixen de mobilizar de xeito estrutural vehículos que non fan parte da rede do 061 e  no propio 061 para que informe do número de servizos que realizan esta empresa en precario”.  

Precariedade da sanidade pública 

 Este feito pon de manifesto a situación de precariedade na que se atopa a sanidade pública, xa que o servizo de ambulancias é un elemento fundamental para dar resposta ás necesidades dos pacientes.  “Cando se realiza un traslado asistencia, non programado, precisamos un dispositivo que teña os  medios técnicos e profesionais axeitados”. Por iso fixeron fincapé en que cando un profesional  sanitario solicita un traslado entende que ese traslado se fai nun dispositivo que reúne os requisitos  técnicos necesarios para dar resposta ao que poida ocorrer durante o traslado e cos profesionais  necesario para dar ese soporte. 

 Quixeron deixar moi claro que a central de coordinación que pon en marcha o dispositivo intenta sempre mobilizar o mellor recurso, pero é responsabilidade da Administración poñer a disposición das necesidades asistenciais os dispositivos necesarios que cumpran estes criterios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario