31 de ago. de 2021

TOMIÑO

Tomiño celebra as súas Festas do Alivio con concertos e actividades para todos os públicos  

Un espectáculo tetral baseado na ventriloquía abrirá o programa o vindeiro luns  

 


Infogauda / Tomiño

 Tomiño celebra a semana que vén e até o luns 13 de setembro, as súas festas patronais da Virxe do Alivio. Como cada ano, o Concello prepara unha programación cultural propia pensada para todos os públicos, con diferentes concertos e tamén actividades teatrais e lúdicas dirixidas ao público infantil.  




 "Conversas con Tana", un espectáculo teatral baseado na ventriloquía, con esencia educativa, espírito festivo, moi divertido e altamente participativo, abrirá o programa o vindeiro luns, 6 de setembro. Será na Praza do Seixo, a carón do Concello, ás 19 horas e dirixido a un público de entre 5 e 12 anos.   




 Lara Villaverde en concerto será a seguinte na programación. Unha moza tomiñesa de 19 anos. que canta e toca a guitarra eléctrica, ofrecerá un concerto ameno e divertido coa colaboración doutros artistas locais: Logan (vocalista de Heissel) e Rebeca Vázquez (tenda La reina caracola). Día 7 de setembro, ás 19 horas na Praza do Seixo.



  

 Operación Plancton, unha obra con afán divulgativo e mensaxe ecoloxista, dirixida á educación e concienciación infantil sobre a problemática da contaminación de plásticos no océano, é a oferta para o día 8. Dirixida a público infantil e familiar, ás 19.00h na Praza do Seixo. 



 

 "Contos da lúa", de Trécola producións, un espectáculo de marionetas que fomenta, sempre dende o divertimento, valores coma a igualdade, o respecto e o apoio mútuo, chegará o día 9. Tamén na Praza do Seixo, ás 19.00h.  




 "Concerto Eder tributo a Sabina", co dúo acústico formado por Eder González e Manu Abalo no que rinden homenaxe a Joaquín Sabina, con temas en directo, será a aposta do día 10. Na mesma praza que actuacións anteriores e ás 22.00 horas.  

 Aínda que as entradas son todas de balde, é preciso reservar praza por cuestións de aforo, chamando ao teléfono 986 622 001 ou enviando un correo electrónico a cultura@tomino.gal

Ningún comentario:

Publicar un comentario