31 de ago. de 2021

O ROSAL

PROGRAMA INICIATIVA XOVE - MÚSICA, NATUREZA E PATRIMONIO

· Foi presentado polo grupo "Mocidade Cabaqueira", formado por cinco mozos/as dos Concellos do Rosal e A Guarda

· O sábado día 4 de setembro, ás 20:00 horas, na Praza Vermella, de Lobios, haberá un concerto da banda de música Agrupación Musical do Rosal



Informa: Agrupación Musical do Rosal  

 O grupo informal "Mocidade Cabaqueira" formado por cinco mozos/as dos concellos do Rosal e A Guarda, decidiron presentar, o abeiro das axudas enmarcadas dentro do programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Política Social, un proxecto que se desarrollaría na Baixa Limia e Serra do Xurés que denominaron "Música, natureza e patrimonio".  

 Unha vez recibida a notificación da concesión da subvención comezaron as xestións organizativas. Esta fin de semana, concretamente os días 3, 4 e 5 de setembro desprazaranse ata Muíños (Ourense) un grupo de preto de 50 mozos/as con idades comprendidas entre os 12 e 30 anos, na súa maioría compoñentes da banda de música da Agrupación Musical do Rosal para realizar diversas actividades.  

CONCERTO EN LOBIOS

 Durante a súa estancia combinarán actividades na natureza como andainas e paseos para coñecer o espazo natural, visitas a monumentos e outros centros de interese, así como a práctica de deportes acuáticos e actividades musicais consistentes en ensaios e na realización dun concerto que será ofrecido a toda a poboación de Lobios de xeito totalmente gratuíto. O concerto terá lugar o sábado 4 de setembro ás 20:00 h. na Praza Vermella de Lobios.  

 Estas actividades queren proporcionar ós membros máis novos da banda de música Agrupación Musical do Rosal a posibilidade de coñecer un espazo senlleiro do país como medio para ampliar os seus horizontes persoais e conciencialos sobre a necesidade de manter o noso patrimonio cultural e histórico. Permitiralles compaxinar a súa afección pola música co coñecemento dunha realidade moi diferente da que lles é cotiá. Este proxecto deberá contribuír a reforzar a súa formación integral como persoas, e tamén a unha sensibilización coa natureza fomentando a conservación do ambiente e do patrimonio cultural e natural, que sen dúbida redundará nunha meirande capacidade na maduración como músicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario