11 de xuño de 2021

A GUARDA

A Guarda convida a participar nas visitas regulares guiadas ao Monte Santa Trega

· Terán lugar os xoves, venres, sábados e domingos, desde o 17 de xuño ata o 12 de setembro


O alcalde - á der. da imaxe -, a tenente de alcalde e o concelleiro de Turismo do Concello de A Guarda, no poboado Mergelina, presentando os carteis das visitas guiadas ao Monte Santa Trega

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O equipo de goberno municipal do Concello de A Guarda vén de facer público que "o vindeiro xoves día 17 de xuño arrancan na Guarda as visitas regulares guiadas ao Monte Santa Trega, que terán lugar os xoves, venres, sábados e domingos ata o 12 de setembro". 

 As visitas guiadas ao Monte Santa Trega contan este ano con tres espazos emblemáticos, como son o contorno da ermida e os sectores Calvo e Mergelina, respectivamente, do poboado castrexo, sendo precisamente no poboado que leva o nome do eminente arqueólogo Cayetano Mergelina y Luna, onde nos últimos anos (2015-2016) se teñen realizado importantes tarefas de re-escavación e de consolidación - dirixidas polo arqueólogo Rafael Rodríguez Martínez -, no sector que xa fora estudada entre 1928-1933 por Mergelina, para a súa posta en valor.  

 Durante os traballos arqueolóxicos no barrio Mergelina constatouse que o castro foi ocupado antes do que se pensaba, desde o século IV a.C. Tamén sacáronse á luz 43 novas estruturas arquitectónicas que compoñen 11 unidades familiares e ata 43.833 pezas (fragmentos de cerámicas, obxectos líticos,...), que formarán parte do vindeiro proxecto de musealización. 

 Posteriormente foi realizado o proxecto “Escavación, análise e sinalización do concheiro da porta Sur do castro de Santa Trega (A Guarda)”, dirixido por Brais Xosé Currás Refojos, investigador posdoutoral do CSIC, e promovido polo Concello de A Guarda a través da Deputación de Pontevedra.  

 O devandito concheiro da porta Sur do megapoboado de altura, no Monte Santa Trega, constituía para os seus habitantes, un lugar onde verquían as cunchas de lapas (Patella vulgata) - lamparóns, como se acostuma dicir nesta zona -, mexillóns (Mytilus galloprovincialis), caramuxas (Littorina Littorea), espiñas de peixes, ósos de animais, etc., que constituían parte da dieta cotiá dos habitantes do poboado.

 A día de hoxe, o contido do concheiro é unha fonte incalculable de información, pois a través do seu estudo podemos coñecer numerosos aspectos da vida cotiá das persoas que viviron no castro. 




 "O obxectivo destas visitas - indican desde o equipo de goberno municipal - é poder realizar unha visita completa das marabillas que  contén o Trega, xa que contar cun guía oficial permitirá unha interpretación do xacemento e do patrimonio relixioso".  

 Para participar nas visitas guiadas é preciso unha inscrición previa no teléfono 690 017 038.  

 A organización das visitas en grupos reducidos permite unha maior comprensión  e desfrute por parte dos participantes nas mesmas. O punto de encontro e de saída destas visitas será no aparcamento da antiga Casa Forestal.  

PROXECTO "TREGA 2020+5"

 Ademais A Guarda traballa no proxecto “Trega 2020+5” para desenvolver o potencial patrimonial, social, cultural e científico do castro do Monte Santa Trega a través dunha actuación integral.  As actuacións previstas  desenvolveranse arredor de tres eixos:  recuperar e consolidar os sectores do castro escavados entre 1910 e 1930;  manter de forma sostida no tempo o conxunto das estruturas escavadas no castro e expostas ao público; e investigar e profundar no coñecemento arqueolóxico do castro,  coa  finalidade de  crear contidos destinados á divulgación e ao incremento da valorización do patrimonio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario