25 de maio de 2021

SALCIDOS (A GUARDA)

O Concello de A Guarda continúa coa labor de conservación de lavadoiros 

O lavadoiro de Xixoia loce unha nova cara cos traballos de rehabilitación 


Un operario ultimando os traballos de rehabilitación da fonte-lavadoiro de Xixoia
Fotos: C.A.G.

Infogauda / Salcidos (A Guarda)

 O Concello de A Guarda vén de rematar esta semana os traballos de rehabilitación e sinalización da fonte lavadoiro de Xixoia, sita a beira da rúa Diego Antonio González, na estrada PO-552, na parroquia de Salcidos, para contribuír deste xeito á conservación e posta en valor do patrimonio etnográfico existente na vila. 

 A posta en valor dos elementos etnográficos como é o caso é unha obriga máis que unha necesidade, xa que a xustificación da súa conservación non pasa, a día de hoxe, pola súa necesidade intrínseca.


                                         O traballador ultimando o labor de encintado da pedra da fonte-lavadoiro de Xixoia
 

 A fonte de Xixoia, datada no ano 1883 segundo consta - mediante díxitos en baixorrelevo - no seu frontispicio de pedra labrada, foi rehabilitada, no seu conxunto (fonte e lavadoiro) nos anos 90 a través da Escola Obradoiro Manuel Benito Portela Lomba, renovando a totalidade da cuberta de madeira que substituíu a antiga, copiando e reproducindo ao orixinal dita cubrición, que desde fai tempo, precisaban de traballos de renovación dos acabados, para protexer e prolongar a vida útil dos mesmos. 

 As actuacións levadas a cabo recentemente no lavadoiro da Xixoia, consistiron nunha limpeza xeral, mediante máquina de auga a presión, cun mimo especial nos elementos de cantería, nos cales a limpeza realizouse de xeito manual. 

 Para os elementos de madeira se procedeu á limpeza con maquinaria a presión, e acabado con produtos de tratamento e protección da madeira, así como o repintado das barandas de madeira que dan á rúa Diego Antonio González, coñecida popularmente como Costa do Coruto. 

 Esta actuación realizouse grazas a unha achega da Deputación de Pontevedra de 8.178,64€ a través do Plan Concellos. Unha vez máis, saudamos que o equipo de goberno municipal tivera en conta esa fonte-lavadoiro para que ese ben etnográfico poida ser admirado e respectado pola cidadanía. 

 Artigo relacionado publicado en Infogauda o 22 de xaneiro de 2019. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario