22 de xan. de 2019

SALCIDOS (A GUARDA)

A FONTE-LAVADOIRO DE XIXOIA: UN BEN PATRIMONIAL QUE COMPRE COIDAR

Vista frontal do lavadoiro de Xixoa e aspecto que presentan os seus tanques
Fotos: Infogauda


 Ricardo Rodríguez Vicente / Salcidos

  Baixando polo Coruto, camiñando pola rúa Diego Antonio González en dirección a San Roque, na marxe esquerda do sentido da marcha, hai un lavadoiro público coñecido como Fonte de Xixoia. Solleiro e accesible, ainda conserva os moxons e unhas sólidas pezas rectangulares de pedra, coas súas argolas de ferro, para amarrar os cabalos ou os pericos.  

 A cuberta é de tella do país, suxeita cunha estrutura de madeira, apoiada nun murete de pedra orientado deica Cividans e unhas columnas metálicas, que lle dan un aspecto xaponés. Posúe un fermoso frontispicio, tamén de madeira, no cal destaca unha praca de mármore branco, cunha orixinal adicatoria:

 MEMORIA A LAS HIJAS DEL TRABAJO
DONATIVO
DE
D. AVELINO GIRÁLDEZ MARTÍNEZ
10 OCTUBRE 1913


 A carón do lavadoiro atópase a fonte, con forma de alxibe rectangular, construído en granito do país, onde podemos ollar gravado en baixorrelevo 1883, que tal vez nos indique cando foi feita esa obra pública.

 No coradoiro hai un monolito pétreo con gravuras de inspiración castrexa e a pouco metros tamén hai un sinxelo cruceiro de pedra. Son dous exemplos que aindan permanecen, dos traballos de aprendizaxe que realizaron os alumnos de Cantería da Escola-Obradoiro, que no seu día, xunto cos seus compañeiros de Carpintería de Madeira, se ocuparon de rehabilitar e embelecer esa fonte-lavadoiro, incluida no correspondente proxecto formativo presentado polo Concello de A Guarda.

 Baixo a cuberta, hai dous tanques de pedra de diferentes dimensions, e no fondo deles, a evidencia - en forma de vexetación - de que fai tempo, probablemente anos, que ninguén fai uso dos mesmos, xa que de non ser así, atoparíase noutro estado de revista sensiblemente diferente.

 Quen o diría fai unhas poucas décadas! Como máximo cinco. 

 Ata os anos 70 do pasado século os lavadoiros públicos eran lugares concurridos a calquer hora do día, e as propias usuarias dos mesmos, eran quen os mantiñan decorosos en todo momento. 

 Desde fai pouco máis de 40 anos, chegaron á maioría dos fogares guardeses ás máquinas de lavar a roupa. Unhas foron mercadas a prazos - grazas as facilidades de pago que daban algúns comerciantes que todos relembramos - e outras pagadas o contado. Cada un como pudo, pero en todo caso, ninguén se resistiu a posuir unha lavadora automática, para cuxo funcionamento tan soio é necesario dispór de suministro eléctrico, auga corrente e conexión a rede de saneamento público. E por suposto deterxente. 

 Dese xeito non é de estranar que hoxendía os lavadoiros estén valeiros. Non hai ningunha actividade nin vida social neles, agás nalgún caso moi concreto, como é a fonte-lavadoiro da Ribeira, onde con frecuencia podemos ollar a unha afanosa veciña lavando a mán. E non é porque non dispoña de lavadora na súa casa. É simplemente, porque lle gusta lavar a mán.

 Os lavadoiros públicos forman parte do patrimonio popular. Cousa que a algún ilustre notario que houbo fai anos nesta vila, non parecía caberlle na súa testa. 

 Por iso, ainda que os tempos mudaron sensiblemente, hai moitos exemplos nos que á atención municipal e veciñal, permitiu mantelos en condicions dignas. Ben é certo que nalgún caso, fai anos, a piqueta municipal "reduciu" sensiblemente á superficie útil dunha fonte-lavadoiro - a da Ribeira -, cecais para facilitar o acceso a Casa do Mar, onde estivo temporalmente, na súa segunda ubicación, o servizo de Urxencias sanitarias. De tódolos xeitos, coidamos que daquela púdose evitar tal "reducción" e conservar a fonte-lavadoiro coas súas antigas dimensions.

 Concluimos por hoxe, indicando que debido as captacións municipais de auga que hai en Carballidos, non chega como outrora, o debido caudal, nin a fonte-lavadoiro de Carballidos nin a de Xixoia, pero  ainda así, gustaríanos que a fonte-lavadoiro de Xixoia, recibise máis cedo que tarde, o coidado que merece para que ese ben patrimonial presente en breve, o aspecto que lle corresponde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario