1931-2021
90º ANIVERSARIO DA PROCLAMACIÓN DA IIª REPÚBLICA ESPAÑOLA
Un grupo heteroxéneo de persoas da nosa vila non esqueceron a data histórica do 14 de abril
Infogauda / A Guarda
Neste 14 de abril de 2021, data na que se conmemora o 90º aniversario da proclamación da IIª República Española, un grupo heteroxéneo de persoas de diversas edades, da nosa localidade, non quixeron deixar pasar en branco esta xornada. Fixéronno cívica, democrática e respectuosamente, achegándose libre e pacíficamente, ata a Fosa Común de Sestás. Unha vez alí, despregaron bandeiras tricolores e fixeron unha sinxela ofrenda floral no lugar onde xacen os restos mortais de varios cidadáns que foran capturados no frente de Asturias polas tropas franquistas. E logo de seren trasladados ao Campo de Concentración de A Pasaxe (Camposancos), foron fusilados, entregando súas vidas pola Libertade e a Democracia no noso país.
Eran naturais de Mieres, Sama de Langreo, Salinas, Soto del Barco, Gijón, Villamartín del Sil, Oviedo, Ciaño, León, Siero, Santullano, Pola de Lena, Ribadesella, La Felguera, Salas, Aramiel (Siero), La Riera (Oviedo), Nava (Oviedo), Nuevas Llanes (Oviedo), San Martín (Oviedo), Posada de Llanes, Bergüenda (Álava), Porquera (Palencia), Serantes (A Coruña), Fabero (León), Castrelos (León), Valladolid, Argentina, Vila Real (Portugal), ...
Moitas persoas maiores chamabanlle xenéricamente "Os asturianos", pero como se pode comprobar tamén había doutras provincias.
Homenaxear para manter viva á lembranza de todas aquelas persoas que foron privadas da liberdade e logo de innumerables afrentas, situacións de desarraigamento, fame, miseria,..., seren inmolados lonxe das súas familias.
Sestás é un lugar para á Memoria. Para á reflexión e para non esquecer o valor do maior ben que posuímos. A Democracia.
A Guarda é un pobo que coida o recinto de Sestás e son moitas ás persoas que ao longo do ano o visitan. Reconforta constatar que na mocidade guardesa hai quens adican periódicamente parte do seu tempo de lecer en manter con decoro ese lugar.
A IIª República foi o comezo dunha andaina democrática, na que a cidadanía soñou con avanzar en liberdades e progreso. Esa etapa sería fundamental non soio para aqueles anos ilusionantes, senón para épocas posteriores como a que vivimos actualmente, logo da triste contenda fraticida que sofriron nosos maiores, e da posterior posguerra que ainda lembramos.
Que á lembranza dos valores da IIª República Española manteñan viva á ilusión pola convivencia en paz, o desenvolvemento democrático e o progreso cultural e social no noso país.
E que non se repitan os erros que tanta dor, pobreza e sufrimento xeraron.
Ningún comentario:
Publicar un comentario