6 de mar. de 2021

A GUARDA

A MULLER NO RUEIRO GUARDÉS 

CRÓNICA DUNHA DESIGUALDADE EVIDENTE

 

Imaxe de arquivo de Teresa Galdó Rodríguez (Camposancos, 1906-Tui, 2012) de ascendencia dianense, á derradeira telefonista de A Pasaxe - Foto: Infogauda

 

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 A nomenclatura do rueiro dunha cidade, pobo ou vila, pode reflectir, en moitos casos, denominacións tan heteroxéneas como nomes doutras cidades, datas históricas, persoeiros, sustantivos populares, aves, peixes, frores, cifras, etc. As posibilidades son infindas.

 O nomenclátor dunha localidade forma parte do seu acervo cultural e di moito das autoridades municipais e tamén das persoas que forman parte da comunidade veciñal.

 Durante moitos anos, na maioría das localidades do Estado español, moitas poboacións tiñan no seu rueiro, nomes de persoas e datas históricas, vencelladas ao franquismo. E Galicia, en xeral, non era unha excepción. E na Guarda, en particular, tampouco.

 Logo do pasamento do derradeiro dictador que tivemos neste país, e dentro do proceso de normalización democrática, moitas corporacións municipais de concellos, entre elas a de A Guarda, acordaron suprimir esas denominacións por outras exentas de tales connotacións. Dese xeito, rúas que antes levaban nomes de persoas afectas ao réxime dictatorial imposto tralo golpe de estado contra o Goberno da II República, como José Antonio e General Franco (sic), Calvo Sotelo, e Muñoz Grandes, pasaron a denominarse rúa de Galicia, rúa do Porto, e rúa Brasilino Álvarez Sobrino, respectivamente. E compre salientar que non temos constancia de que o troco de denominación xerase incidencia algunha digna de mención. Iso é boa proba da exemplaridade da cidadanía de A Guarda, que tanta veces ten dado mostras do seu respecto a ese tipo de acordos municipais.

   Temos que referir tamén que a praza onde está ubicada a Casa do Concello, noutrora tivera a denominación de praza Maior, praza da Constitución e posteriormente praza da República. No seu día, como é de dominio público, foi redenominada como praza de España, e desde fai uns cantos anos, pasou a ser como desde facía décadas á cidadanía acostumaba chamarlle: praza do Reló (sic).

 Asemade, compre salientar que a rúa Oliveira Salazar, xa pasara a ser designada como rúa Pontevedra, ainda que posteriormente ese tramo de vía pública, quedaría incluído na rúa Galicia, pasando a denominación de rúa Pontevedra o tramo de vial urbano situado entre a rúas A Coruña e Tomiño, respectivamente.

  Tamén foi mudado o nome da rúa que antes chamábase oficialmente Claudio López, por rúa Ireira, que xa desde tempos antigos viña sendo a denominación popular.

 Na nosa localidade, mália súa pequena superficie territorial, temos un amplo rueiro, no cal podemos ollar nomes e apelidos de persoas que tiveron algunha relación con A Guarda. Algúns políticos, como o avogado e político tudense Ezequiel Ordóñez González, que outrora tivo na nosa vila unha rúa co seu nome, conta desde o día 9 de maio de 1903 cunha placa - como homenaxe de gratitude e afecto do pobo de A Guarda -   no porto da nosa vila, onde popularmente á veciñanza do barrio da Marina – como se acostuma dicer na nosa vila -, adoita chamarlle ´A Vía´, evocando os raíles que alí houbo para o transporte de pedra desde a canteira de San Caetano para as obras do porto guardés –, e continúan tendo sendas rúas Mariano Ordóñez [García] - fillo de Ezequiel Ordóñez - e ex presidente do Goberno galego, Gerardo Fernández Albor.

 Hai outros nomes de rúas, directamente relacionados con persoas que formaron parte da meritísima Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, como a rúa Manuel Lomba – en homenaxe ao presidente e cofundador desa histórica entidade -, transversal [Constantino] Candeira, rúa Julián López, rúa José María Lomba (coñecida popularmente como O Terrado) -, transversal Troncoso, rúa Agustín Nandín Lomba, rúa Pacífico Rodríguez, praza Manuel Ángel Álvarez (no Monte Santa Trega), etc.

 Compre decir, que entre as rúas Antonio Alonso e Pacífico Rodríguez, unha rúa lembra a Secundino Melón.

 No rueiro guardés existen rúas e prazas, que relembran persoeiros benefactores, como Vicenta Rodríguez Cachada, Vicente Sobrino, Antonio Alonso [Martínez], Bernardo Alonso [Martínez], Joaquín Alonso [Martínez] - tamén coñecida popularmente como Praza Nova -, Ignacio Sobrino (coñecida desde fai moitos anos como Praza da Fariña), Avelino Vicente [González], José Manuel Andreini [Verde], ...

 Asemade, no rueiro local temos nomes de persoas emprendedoras, como José Antonio Lomba Camiña, os irmáns Noia [Manuel e Xoán], e tamén a Manuel Álvarez Vicente, alcalde de A Guarda, gratamente lembrado.

 E tamén de destacados membros do clero como o cóengo Juan Domínguez Fontela, o párroco Diego Antonio González e o anteriormente mencionado, Agustín Nandín Lomba.

 A Guarda tamén soubo honrar á lembranza de persoas de grande iniciativa, como Ramón Sobrino, Alfonso Martínez Peniza, Francisco Lomba Trigo, ...

 Asemade, no rueiro guardés ollamos varios nomes do santoral: San Bernardo – rúa e praza, coñecida esta como “praza dos porcos”, por ser un lugar onde adoitaban parar os tratantes – Ganados (sic) Maside, entre outros - de gando porcino, para súa venda ás familias de Ribadavila e doutros barrios guardeses -, Santa Trega, San Caetano, San Marcos, San Lourenzo, San Roque,  Santo Tomás, A Guía, San Bieito, San Amaro,...

  Hai tamén nomes de localidades, capitais de provincia, cidades,...: rúa Baiona, rúa Tomiño, rúa A Coruña, rúa Lugo, rúa Ourense, rúa Pontevedra, rúa Rosal, rúa Oia, rúa Tui, paseo de Portugal, rúa Brasil, rúa Puerto Rico, rúa República Dominicana, avenida Santo Domingo de Guzmán, rúa Vigo,...

 Ainda non temos, polo de agora, no rueiro local unha rúa adicada a  Póvoa de Varzim, cidade que sí ten unha rúa Cidade de La Guardia (sic). Temos confianza en que iso resolverase cando se materialice o irmamento oficial entre Póvoa de Varzim e A Guarda, proxecto no que membros dos executivos municipais poveiro e guardés, xa mantiveron as oportunas conversas previas.

 No referente a barrios e lugares – que nalgúns casos mesmo poden ser nomes de rúas -, a relación é moi ampla: Muro, Baixo Muro, Chan de Conde, Laxe Grande, Inguieiros, A Lagartosa, A Cruzada, Oliva, Fedorento, Bouzó – transversal e rúa -, A Cal, Carril, Cachiños, O Canal, A Roda – rúa e travesía -, A Ponte, Calvario, Os Casás, Riás, A Gudela, Largo, Levada, Malteses, Solanas, Muíño de Baixo, Muíño de Riba, Muíño da Guía, Buxán, Sete Camiños, Sucampo, A Mouteira, Rosentes, Centeares, Marouco de Palla, Subida a Zamar, Subida ao Trega, Outeiro – en Camposancos e no Castro (Salcidos) -, A Pasaxe, Sestás, Cascallar, Pedra do Porto, A Poza, Saá, Palomar, O Couto, A Redonda, Bouza da Fonte, A Picota, As Lagoas, Armona (baixada e camiño), Costa dos Soldados, Campamento, A Galapa, Tras das Viñas, O Forno do Duque, Salgueiró, Silveira, Marouco, As Lentas, Camiño de Cavacos, Camiño de Amido (tamén coñecido popularmente desde fai anos como pista de Amido), A Sangriña, Os Seixiños, A Proba, Pintán, A Barreira, A Castiñeira, Viñadeira, Costa de Pino, Mateiro, As Laxes, A Fecha, Pahiño, A Pombiña, Os Crestos, A Lada, A Estivada, Mateiro, Netos, Tabolado, Currás, Carballidos, Os Bechos, A Campa, O Coruto, A Rocha, Coruto Vello, A Portela, A Mó, Barrantes, A Longra, Valiños, Aloqueiro, A Cruz, Trasloajo, O Cunchal, Sobreira, Camiño dos Abrazos, A Bisorca, Camiño da Capela, Redondiña, Cruz da Monxa, As Pozas, Xunqueiriñas, Camiño do Lago, Ceña Vella (sic), As Cachadas, Estrada da Gándara, Estrada do Castro, Circunvalación, Estrada de Camposancos, ...

 Qué bonito sería que toda esa riqueza toponímica fose debidamente consolidada in situ na súa totalidade, como un tesouro que é, do noso patrimonio inmaterial¡ Esa é unha tarefa - entre outras - que a nivel municipal aínda temos pendente. Propoñemos que ás comunidades de montes veciñais en man común asuman como propio ese labor, en coordinación co Concello de A Guarda.

  Ainda que tamén o mereceron outros moitos, pola súa acreditada vocación docente, na Guarda hai unha rúa adicada ao mestre D. Manuel Rodríguez Sinde – que ademáis conta cun monumento a súa lembranza ubicada no colexio público que leva seu nome, ubicado desde fai anos no lugar de Bouzas -, así como dous monumentos adicados a Dona Aurora González Neira e a D. Nicolás Gutiérrez Campo, respectivamente.

  Na vila de A Guarda, unha rúa chámase [Miguel de] Cervantes [Saavedra]  e outra Rosalía de Castro. Tamén hai unha praza adicada a Juan Bautista Alonso Español – xurista, poeta e político, natural de Salcidos, que desempeñou destacadas responsabilidades no Goberno de España, nas Cortes,... -. Esa praza tamén é coñecida como Monte Real, topónimo que temos ollado en ocasións, vencellado a prazas fortes, fortalezas, redutos militares,...

  No  rueiro guardés hai tamén rúas adicadas ao navegante [Cristóbal] Colón e ao conquistador Hernán Cortés – coñecida popularmente como “rúa do Medio” - e ao mariño e militar vigués [Casto] Méndez Núñez, respectivamente.

  Unha rúa céntrica, coñecida popularmente como “A Costa de Ligero” - por estar alí ubicado un inmoble que fora promovido polo emprendedor, ex alcalde e ex deputado provincial Manuel Díaz González “Ligero”, que conta cun monumento a súa lembranza nos xardíns do Centro Cultural -, leva o nome de Enrique María Sesto [Fernández], que desempeñou seu labor como Secretario da Corporación Municipal do Concello de A Guarda.

  Asemade, na nosa localidade existe a rúa José María Sesto, que na estrada PO-552, comprende desde o cruce de As Patas ata As Cachadas, no límite co veciño termo municipal do Rosal. 

 No rueiro local temos tamén unha mostra da creatividade das persoas con responsabilidade política que levan pasado pola institución municipal, evidenciando que non se complicaron á vida coa nomenclatura local: A rúa Oliva. Figura como tal, e tamén en cinco (¡!), travesías ou transversais, co engadido de 1ª, 2ª, etc....

 Tamén existe unha rúa adicada aos Doantes de Sangue, merecida homenaxe promovida pola Irmandade de Doantes de Sangue de Vigo, en recoñecemento ao tantas veces demostrado altruismo da veciñanza de A Guarda.

 Ademáis de avenidas, barrios,  prazas, rúas, etc., tamén hai miradoiros – por exemplo no Monte Santa Trega – que foron adicados a varóns como o inxenieiro forestal Rafael Areses [Vidal], o emprendedor Laureano Alonso, o industrial e ex alcalde [Andrés] Raimundo Lomba [González],..., e mesmo un parque adicado ao brillante botánico e meteorólogo Padre Baltasar Merino Román, S.X.,  máis ningún deses lugares leva nome de muller.

 Por ter, mesmo temos unha rúa adicada ao R. C. Celta.

 Asemade temos unha praza adicada a II República – ubicada fronte ao antigo colexio dos Padres Xesuitas, no barrio da Pasaxe (Camposancos), onde nunha triste época para o noso país, en pleno século XX, houbo un oprobioso campo de concentración.

 Na nosa vila existe unha rúa adicada ao Tío Binito (sic), ainda que botamos en falla unha rúa adicada ao P. Orestes Caimotto, da congregación dos Padres Somascos, que ademáis doutros moitos méritos, foi – xunto co tamén gratamente relembrado profesor José Luís Lomba Alonso - quen nos descubriu a Feliciano Rolán Vicente e súa magnífica obra poética.

 Porén, ainda sendo conscentes de que involuntariamente nos quedaron no tinteiro varias rúas, barrios, etc., temos que concluir que ademáis da rúa que antes mencionamos, adicada a Dona Vicenta Rodríguez Cachada [Fernández], na localidade de A Guarda hai sendas rúas adicadas a Rosalía de Castro – como xa indicamos anteriormente -, a Concepción Arenal [Ponte], a Julia Vaquero [Sousa] e a Irmás Galdó [Rita e Teresa Galdó Rodríguez. As derradeiras telefonistas de Camposancos].

  Son en total – agás algún posible erro involuntario - tan soio cinco rúas as que levan nomes de mulleres. Iso é indicativo de que á presenza feminina no rueiro de A Guarda, é ostensiblemente inferior a dos varóns. Dese xeito, ao noso modesto entender, trátase dunha anomalía que a Corporación Municipal do Concello de A Guarda debera propoñerse correxir de xeito paulatino, xa que a día de hoxe, en que tanto se invoca - e con razón! - a igualdade, paridade, etc., e que ás mulleres, son aproximadamente un 50 por cento da poboación mundial, no que respecta ao rueiro local, esa igualdade non a visualizamos por ningures.

 Como desagravio suxerimos que os nosos representantes municipais vaian pensando na posibilidade de adicar unha rúa, poñamos por caso, a data do 8 de Marzo (Día Internacional da Muller), ou darlle o nome de Igualdade a unha rúa que súas señorías da Corporación Municipal do Concello de A Guarda estimen oportuna.

 Neste 8 de marzo de 2021, queremos ter unha lembranza para todas aquelas mulleres que nos alimentaron, coidaron, criaron, educaron,..., non soio como nais, avóas, irmás,..., senón como traballadoras - que en moitos casos, para perxuizo delas, mesmo sen que as tiveran dadas de alta na Seguridade Social - que contribuiron – e contribúen – a facernos á vida máís doada e máis gratificante. Sen o seu labor o mundo non sería o mesmo. Moitas veces – demasiadas – non sabemos apreciar e valorar na súa xusta medida, todo o moito que ás mulleres teñen aportado – e continúan aportando – ao progreso e ao desenvolvemento da Humanidade.

 E unha lembranza moi especial para ás lavandeiras solidarias que arriscando súa integridade física e súa liberdade persoal, non dubidaron en lavarlles as roupiñas aos presos do campo de concentración da Pasaxe. E cando podían, levarlles tamén algo de comida caseira, nunha época pouco doada para todos, especialmente para ás familias de economías máis modestas, que na nosa localidade eran á maioría. Tiven a enorme fortuna de coñecer e tratar con algunhas daquelas mulleres das parroquias de Camposancos e de Salcidos, que arriscando súas propias vidas fixeron un labor heroico que os presos sabían agradecer. Falamos do moito que supuña de agarimo, proximidade e solidariedade, pois eran persoas procedentes de diversos lugares do Estado español e atopábanse contra súa vontade, lonxe das súas familias, das súas amizades e dos seus pobos.

 Lavandeiras decididas e valentes, pois transgredían as normas impostas polas autoridades militares do propio campo de concentración, das forzas da orde pública e de todo o aparato represivo do franquismo.

 Daquelas mulleres quedounos o testemuño do seu exemplo, pois fixéronno sen ningún alarde da súa xenerosidade e sen procurar nada en troques. Nada máis que por facer o ben ao próximo. Para elas nosa maior consideración neste 8 de Marzo e sempre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario