O Concello de Tomiño prepara o terreo para a construción da biblioteca municipal
· Levarase a pleno unha modificación de crédito para derrubar o edificio situado no lugar no que se construirá
Infogauda / Tomiño
O equipo de goberno do Concello de Tomiño que preside á alcaldesa Sandra González Álvarez, levará ao pleno municipal que se celebrará o vindeiro luns día 8 deste mes de marzo, un expediente de modificación de crédito por valor de 75.000 euros, que serán financiados co remanente líquido de tesourería para gastos xerais. A finalidade desta modificación é a de financiar a demolición do edificio no que se atopan as dependencias do Xulgado de Paz, cuxo proxecto xa está redactado, como paso previo á edificación da futura biblioteca municipal. Na partida tamén están contemplados os custes da mudanza e o acondicionamento do novo local no que se vaia a aloxar.
O obxectivo desta intervención, que se espera levar a cabo nos próximos meses, é o de preparar o terreo de cara á resolución dos fondos europeos que terá lugar tamén nos vindeiros meses, e dos cales o goberno municipal aspira a conseguir captar unha partida que axude a financiar parcialmente a construción da biblioteca. que se levará a cabo no presente ano. Do mesmo xeito espérase conseguir tamén a reposición da partida orzamentaria provinte do Estado conseguida no ano 2011 por un valor de 500.000 euros e que se terminou anulando, motivo polo cal o Ministerio foi condenado a indemnizar ao Concello con máis de 40.000 euros polos custes da tramitación administrativa.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, reivindica a importancia que este proxecto ten para o municipio poñendo tamén en valor o xeito no que foi deseñado, contando coa participación de multitude de colectivos sociais e veciñais. “Non queríamos que fose só un depósito de libros, como o eran antes as bibliotecas, senón convertela tamén nun centro de dinamización cultural, nunha área de recreación e que tivese múltiples funcionalidades. E este proxecto non sae dunha simple ocorrencia, senón que foi pensado e deseñado estudando outros exemplos de referencia e cunha consulta á cidadanía, na que participaron máis de 300 persoas pertencentes a ducias de colectivos e asociacións”, sinala.
O edificio, que irá situado en pleno núcleo urbano do Seixo a carón do Mercado Municipal, contará con catro andares ademais dun soto que albergará o arquivo municipal, o fondo bibliográfico e outras dependencias. Na planta baixa estará o acceso principal ao edificio, e nela estarán os espazos máis ruidosos e dinámicos (área infantil, mediateca, espazo multiusos, etc.). O primeiro andar irá destinado á zona de consulta e estudo da biblioteca, ademais dunha zona de terraza-xardín exterior para a realización de actividades ao aire libre. No segundo andar instalaranse as dependencias da Concellería de Cultura e da Aula CEMIT, na que se poderán facer tamén actividades de formación, e por último na planta de baixocuberta haberá espazos de usos múltiples como a organización de conferencias e obradoiros, contando tamén cunha zona de terraza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario