16 de mar. de 2021

A GUARDA

O GRUPO PARLAMENTARIO SOCIALISTA LAMENTA O VETO DA XUNTA Á CONSTRUCIÓN DO ACCESO SUR AO PORTO DA GUARDA  

Leticia Gallego critica o “agravio” do goberno galego cos concellos doutra cor política trala confirmación por parte de Portos de Galicia da súa negativa a un proxecto “fundamental” para o desenvolvemento económico do municipio 

 

O alcalde do Concello de A Guarda e concelleiras do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE coa parlamentaria Leticia Gallego na súa recente visita a nosa localidade
 

Infogauda / A Guarda

 A deputada do PSdeG-PSOE por Pontevedra, Leticia Gallego, vén de lamentar o veto da Xunta de Galicia á construción do acceso sur ao Porto da Guarda. Fíxoo, hoxe, trala presentación dunha pregunta á presidenta de Portos de Galicia, quen confirmou que o goberno galego non desenvolverá un proxecto “fundamental” para o desenvolvemento económico do municipio.  

 Gallego criticou o “agravio” do goberno galego cos municipios doutra cor política ao paralizar o desenvolvemento de diferentes infraestruturas, como é o caso do acceso sur ao Porto da Guarda. “Que non se realice este proxecto a quen prexudica é, principalmente, aos mariñeiros, as redeiras e á veciñanza da Guarda”, sentenciou a socialista.  

 

                   Infografía do tramo final do acceso sur ao porto de A Guarda
 

 “A Guarda ten un porto pesqueiro que, na actualidade, carece dunha vía de comunicación aceptable coa estrada PO-552”, sinalou a socialista, quen incidiu en que “isto dificulta moito o tráfico de vehículos, especialmente, os pesados”.  

 Así, lembrou que a necesidade de mellorar a comunicación do porto “xa vén de vello”, xa que o PXOM de 1993 “contemplaba un novo acceso ao Porto da Guarda por considerar estratéxica a mellora da comunicación co porto pesqueiro” cando, “ademais da pesca e do traballo das redeiras, existen outras actividades importantes para o tecido económico da vila”.  

 De feito, a socialista destacou que o proxecto ten o aval de diversas asociacións guardesas como ORPAGU, Piueiro, Alagua ou a Confraría de Pescadores Santa Tecla, ademais de que conta co impulso do propio Concello de A Guarda e da Deputación de Pontevedra.  

 Gallego sinalou que o custe da infraestrutura, que suporía un investimento aproximado de 2,4 millóns de euros, “debe ser asumido conxuntamente” pola administración municipal e pola Xunta de Galicia. Ademais, incidiu na “necesaria colaboración da administración autonómica” cando a obra precisa un declaración de interese supramunicipal por non estar prevista no PXOM.  

 Por último, a responsable socialista subliñou a importancia desta infraestrutura, tendo en conta que “a actividade pesqueira e marisqueira na Guarda non vai ir a menos”, senón que “a previsión é que no futuro aumente a actividade económica do porto dado as grandes posibilidades que ofrece tanto a nivel comercial como turístico”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario