O historiador Xosé Manuel Núñez Seixas faise co XX Premio Ramón Piñeiro de Ensaio
O galardón convócano a Xunta de Galicia e mais a Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega
A obra gañadora leva por título ‘De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975)’
Xosé Manuel Núñez Seixas
Infogauda / Santiago de Compostela
O historiador Xosé Manuel Núñez Seixas fíxose, coa obra De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975), co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020. O galardón convócano conxuntamente a Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia co apoio de Caixa Rural Galega. Está dotado con 3.000 euros e coa publicación da obra pola devandita editorial. O xurado, que concedeu o premio por maioría, destacou a calidade e variedade temática dos orixinais presentados, así como a capacidade analítica do traballo seleccionado.
De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975) presenta, cun estilo diáfano e crítico, o fenómeno da utilización do folclore e dos seus símbolos por parte do fascismo e faino baseándose nunha ampla e rigorosa documentación e aplicando un enfoque contrastivo entre as diferentes nacionalidades históricas. Por parte, a obra salienta a actualidade do tema ao vincular os feitos históricos que trata co presente.
O autor, Xosé Manuel Núñez Seixas (Ourense, 1966), é licenciado en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e doutor en Historia Contemporánea polo Instituto Universitario Europeo de Florencia. É catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, vicepresidente do Consello da Cultura Galega e autor de numerosos artigos e monografías. As súas investigacións céntranse na análise comparada dos nacionalismos, nos estudos migratorios e na historia cultural da guerra. En 2019 foi Premio Nacional de Ensaio.
Vinte anos do Premio Ramón Piñero de Ensaio
Este
2020, o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio chega ao seu vixésimo
aniversario homenaxeando o filósofo e político galeguista que lle dá o
nome. Desde a súa creación, no ano 2000, foron premiados os seguintes
autores e obras: Basilio Lourenço Fondevila (A submisión das masas. Do
poder do progreso ao progreso do poder); Anxo A. Rei Ballesteros, (Tempo
e vinganza); Xosé Luís Barreiro Rivas (A terra quere pobo); Teresa
Moure (Outro idioma é posible), Rebeca Baceiredo (O suxeito posmoderno.
Entre a estética e o consumo), Ramón Area Carracedo e Alexandre
García-Caballero (Psicopatoloxía do retorno), María López Sández
(Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio), Xosé Ramón
Quintana Garrido (Un longo e tortuoso camiño), Manuel Pérez Rúa
(Domingos de calcetíns brancos. Retrato do cambio social na xeración de
1950), Ramón Máiz (A arte do imposible), Teresa Moure (Queer-emos un
mundo novo), Xaime Subiela (Para que nos serve Galiza?), José María
Durán Medraño (Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio
sobre o pracer nun diálogo con Karl Marx), Luís García Soto (Barthes
filósofo), Santiago Lamas e Alfonso Mato (De camiños, viaxeiros e
camiñantes. Peregrinos de Nós ao cabo do mundo), Rafael Quintía Pereira
(Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na
cristianización da Gallaecia), Xosé Constenla (O colapso territorial en
Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país),
Fernando Redondo Neira (Os amorodos de Bergman), Xaquín Núñez
(Cartografías da narrativa galega contemporánea) e Xosé Manuel Núñez
Seixas (De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no
fascismo español).
Ningún comentario:
Publicar un comentario