13 de out. de 2020

DEPORTES

CAMPIONATO DE GALICIA DE ATLETISMO EN PISTA AO AIRE LIBRE

OS ATLETAS DO ATLETISMO TREGA ACADARON 7 MEDALLAS 

 

No mosaico de imaxes, os setes atletas que lograron súas respectivas medallas no Campionato Galego de Atletismo en pista ao aire libre das categorías Sub-16 e Sub-14 

 

Informa (fotografías e redacción): Sociedade Atlética do Trega

  Esta pasada fin de semana os atletas do club Sociedade Atlética do Trega, de Tomiño fixeron historia e conseguen 7 medallas autonómicas no Campionato Galego de Atletismo en pista ao aire libre das categorías Sub-16 e Sub-14 celebrado nas pistas do  Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. 

 Neste campionato participaron máis de 700 atletas federados pertencentes a clubs de toda Galicia. 

 O noso club levou a 9 atletas, 8 en competición oficial e unha atleta convidada na proba de marcha. 

 


 A primeira en abrir esta xesta deportiva foi Uxía Rodríguez Huertas, que nos representou na proba dos 600 m.l. femininos Sub-16, na final A, onde partiu no cartel de saída coa mellor marca mínima. Bonita carreira da atleta tomiñesa, de menos a máis, rompendo a carreira a falta de 200 metros, entrando en meta en solitario en primeira posición proclamándose campioa galega dos 600 metros lisos Sub-16 feminino cun rexistro de 1´ 5" 2. 

 


 A segunda atleta en participar, sumando outra nova medalla foi a guardesa Marcela Morgado Rodríguez, que participou na proba dos 1.000 metros lisos, onde tamén tiña as cartas ao seu favor para alzarse coa vitoria. Realizou unha carreira de principio a fin en solitario, proclamándose campioa galega Sub-16 feminino da devandita distancia cun  tempo de 3´ 12" 3. Por primeira vez alcanza a tan desexada medalla dourada, xa que na súa traxectoria deportiva ten medallas doutras cores. Con certeza esta será a máis apreciada no seu haber.   


 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 A terceira medalla e tamén a cuarta estivo a cargo dos atletas guardeses, os irmáns Sierpes Pereira, que participaron en xornada  de mañá do domingo, onde disputaron a proba de 1.000 m.l., na cal partían como favoritos á vitoria.  

 Nunha carreira moi rápida, prácticamente desde a saída, os irmáns puxéronse en primeiro e segundo lugar, non dando tregua aos seus rivais, impoñendo un potente ritmo entrando en primeira posición Álex Siespes Pereira, proclamándose campión galego dos 1.000 m.. masculinos na categoría A Sub-14, cun rexistro de 3´ 00" 95; e o seu irmán Christian Sierpes Pereira, cun rexistro de 3’04’’41, proclamouse subcampión galego da distancia, completando o dobrete autonómico na mesma proba. 

 


 

 A quinta medalla veu a cargo de Elisa Morgado Rodríguez que competiu na proba de 1.000 metros lisos Sub-14,  cunha  carreira moi rifada onde a guardesa tívonos o corazón nun puño ata os últimos 300 metros onde sacou a súa garra, dando un cambio de ritmo e foise a por a medalla de bronce, parando o crono a 3´16" 57 mellorando  a súa marca persoal  de 3´17" 65, engadindo unha nova medalla ao seu palmarés deportivo.  

 


  A sexta medalla e título autonómico tamén foi para a velocista do grupo, a guardesa Mara Romeu Vicente, que participou  na proba dos 150 m.l. femininos, pulverizando a súa propia marca, rebaixándoa aos 19" 98, rebentando así os seus 21" 23 que tiña anteriormente, cruzando a liña de meta como un proxectil en primeira posición, proclamándose campioa galega e raíña da velocidade dos 150 lisos.  


 

 A última medalla logrouna a atleta guardesa Carmen Magallanes Pérez, que participou na proba de 3.000 metros lisos, onde estivo moi valente durante toda a proba mantendo a primeira posición, cedendo tan só unha substitución nunha volta a menos de 300 metros, pero volvendo coller a cabeza de carreira, entrando finalmente en meta cun rexistro de 11´39" 87, proclamándose campioa de Galicia Sub-14, facéndose con ese merecido ouro.  

 E desta maneira pechamos este campionato espectacular, demostrando que esta xeración non se cansa de seguir ano tras ano, categoría tras categoría, escribindo os seus nomes, dominando claramente en velocidade, medio fondo e fondo de Galicia. 

 E por último comentar que na proba dos 3.000 metros lisos feminino Sub-16, desgraciadamente, nosa atleta Antía Rodríguez Otero, foi privada inxustamente da medalla de prata, cando disputaba a carreira na última volta a escasos 300 metros da  meta, cando se poñía en segunda posición sacárona da pista por non gardar a distancia de seguridade. 

 Queremos deixar claro que o noso club está de acordo coas normas de seguridade e coas normas establecidas do COVID, pero non estamos de acordo coa reacción tomada polo responsable do Covid, nin tampouco coa exposta na clasificación, porque a menor aparece como AB (abandono) art. 8 pc.  Non estamos de acordo en que non se tomou as mesmas normas para todas as atletas participantes tanto nesta proba como nas de todo o campionato, só implantouse sobre a nosa atleta quedando así privada da medalla. 

 Parabens a todos eles polos seus logros!

Ningún comentario:

Publicar un comentario