19 de out. de 2020

CULTURA

Entrevista a Xabier Lomba. Arpegios e cintas de vídeo

 

                                                       Xabier Lomba

  

Proxecto Socheo / A Guarda

 Xabier Lomba foi membro do Coro Arpegios e durante anos atesourou unha serie de gravacións en cintas de video da presenza do coro en programas de televisión así como unhas gravacións realizadas de Canal 50.  

Quen gravou as cintas?  

 - As cintas gravounas a miña nai no seu momento directamente da emisión por aire da TVG. Non se fixo unha labor de conservación especial, de feito estropeóusenos o vídeo a principios da década do 2000, e esas cintas non se volveron reproducir dende entón.  

 En que condicións se conservaron?  

 - Estiveron metidas nunha caixa de cartón no salón da miña casa durante unha boa tempada, ata que as levaron ao faiado onde as condicións aínda era moito peores e con maior afectación do salitre, porque o faiado está peor illado. De feito apareceron manchas de mofo nos carretes interiores dos VHS. Nalgún caso, abrín a carcasa e limpei as manchas a man, por se entorpecían o arrastre da cinta.  

Que contidos tiñan esas cintas?  

 - Revisando o material, decateime de que a recepción do sinal da TVG no 92 e 94 (Boa Saúde e Misa, respectivamente) era moito mellor que nos anos posteriores. A calidade da recepción do sinal da fase de clasificación do “Con Música Propia” é bastante mala, con moita interferencia. Xa verás tamén cando te pase os vídeos da final. Nembargantes nese vídeo fixen unha edición que comeza onde a intervención de D. Jesús e prolóngase durante toda a actuación do coro, porque ese material pasóunolo Rodríguez coma un engadido do vídeo da viaxe a Barcelona que fixemos no ano 1996 e como tiña mellor calidade cá miña gravación, directamente substituín o meu material polo del, e é por iso que a actuación da Banda do Rosal vése peor cá do Coro Arpegios, porque proveñen de cintas diferentes. E tamén no que respecta ao programa “Galicia Enteira”, ó tratarse dun playback, substituín o audio orixinal da emisión pola gravación mesma que se empregou para facer o playback (a casete editada en 1994 “Canto á Guarda”).  

Que supuxo para ti o Coro Arpegios?  

 - En certo modo foi tentar de buscar o meu oco na sociedade, porque eu sempre fun moi negado para os deportes -fútbol en particular-. Coma daquela aínda non existía a banda de música, nin tampouco na miña familia había moito apego á música tradicional, ó contrario do que lles acontecía a algúns veciños meus que estaban en grupos de baile e música tradicional, pois como as miñas irmás xa estaban no coro, decidín unirme. Supoño que por imitación aos maiores, pero tamén por facer algo có que me sentira máis identificado, xa que neste sentido a música sempre me foi algo vocacional. A nivel persoal resultábame moi estimulante o feito de ir as actuacións, eran coma pequenas excursións ó longo da xeografía galega (e Norte de Portugal tamén) así que era un bo pasatempo para un neno deste recuncho de Galicia que é o Baixo Miño. Teño o recordo (igual esaxerado) de que cantabamos un feixe misas, e incluso malia aos madrugóns moitas veces compensaba, porque coñecías outros sitios, cantabas nunha igrexa, que sempre era algo moi agradecido pola acústica e có apoio de José Luís Jr. ao órgano, que sempre lle daba un empaque especial ao son.  

Supoño que terás moi boas lembranzas?  

 - Gardo moi bo recordo do festival interraiano “Encontros do Baixo Miño” (e iso que eramos o único coro de nenos, os demais eran adultos, se non da 3ª idade) onde faciamos un concerto nunha poboación dun lado da raia e quince días despois ías cantar ó pobo que estaba na outra marxe. Se por exemplo, ese ano tocaba Valença, pois “á volta” era en Tui, se era en Vila Nova de Cerveira, pois entón lle correspondía Tomiño ou Goián, etc. Facíase en toda a beira do Miño dende A Guarda-Caminha ata Ponteareas-Monção. Tódalas cerimonias pechábanse cunha atuación conxunta do “Gaudeamos Igitur”, pero cá letra adaptada ao Portugués e que se titulaba “Num Só Corpo e Alma Irmãos”. Tamén gardo moi bós recordos dos certames de Panxoliñas no Teatro García Barbón. Era emocionante cantar nun teatro tan grande. Lembro tamén algunha actuación memorable no Rosalía de Castro de A Coruña e no Teatro Municipal de Ourense. Creo que foi para o X aniversario do coro que fixemos unha colaboración cá Orquestra Clásica de Vigo onde interpretamos o Danubio Azul de Strauss na parroquia da Guarda. Foi moi impactante verte, de súpeto, cantado onda unha orquestra.   

Canto tempo estivestes no coro?  

 - A nivel de crecemento coma persoa, tes que pensar que eu estiven no coro dende os 9 ata os 17 ou 18 anos, é dicir: pilloume de cheo a adolescencia. Lembro a época na que eu tiña 12 ou 13 anos que sempre me fixaba nalgunha compañeira, sobre todo nas que eran tres ou catro anos maiores cá min, cousa que no colexio non pasaba porque prácticamente só te relacionabas cá xente da túa clase e da mesma idade. De igual xeito, esa ansia de rebeldía que xorde na adolescencia foi a miña porta de saída do coro: no 97 merquei unha guitarra eléctrica, comecei a escribir as miñas primeiras cancións e prefería quedar cós colegas a montar barullo os sábados pola tarde antes que ir ó Salón Parroquial a ensaiar “cancións de misa”. Así é a vida.   

Como ves aqueles anos?  

 - En retrospectiva véxoo coma unha época moi bonita da miña vida polo que che comentaba antes: saír da comarca, cantar en sitios fermosos, sentir que o que facías gustáballe ó público, o espertar da adolescencia con eses amores platónicos proxectado nalgunhas compañeiras… Á marxe de todo isto, aprender a cantar en harmonía é algo que me levo para o resto da miña vida. Resultou clave a posteriori para entender os roles vogais na música pop (Beatles, Byrds, Teenage Fanclub…). Nembargantes o tema da técnica vogal creo que foi algo que descoidei moito. Non creo que aprendera a cantar ben nunca. Sí que é certo que faciamos un feixe de exercizos de quecemento e algún de respiración, e había xente que cantaba moi ben (Sofía Cordero, Miriam Valado, Carmen Cividanes, Adriana Da Cunha, etc.) pero eu teño a impresión de que, aínda hoxe, non sei cantar correctamente -tampoco fixen nada por pórlle remedio-. Tamén o aprecio nas gravacións, agora que estiven revisitando o material, que moitas veces nos escoito coma un pouco “estridentes”, sobre todo nos rexistros agudos. Non sei se é porque eramos nenos e tiñamos voz de pito ou porque realmente non cantabamos cá técnica que se lle presupón. Neste mesmo sentido, non sei se provocado polo madrugón de ter que ir á TVG un domingo pola mañá a face-lo directo, tes o exemplo da Misa: estamos cantando apoiados có órgano e non somos capaces de manter a afinación en moitos temas. De calquera xeito, Rodríguez sempre defendeu que eramos un coro amateur e supoño que ó final procuraba esa relación de compromiso entre técnica vogal e entretemento. Ó final non eramos máis cá nenos e meternos demasiada caña cá técnica igual era contraproducente.  

Que papel xogou José Luis Rodríguez?  

 - Penso que dirixir un coro de nen@s en plena efervescencia hormonal non debe ser tarefa doada, por iso sempre infundía autoridade e respecto nos ensaios. Despois estaba a perseverancia. Foi unha época dourada para a música guardesa, de termos un coro que acadara tantos éxitos a nivel popular e iso só foi posible grazas á perseverancia de Rodríguez. Alén de dirixir Arpegios e o Grupo de Acordeóns Mascarenhas, hai que salientar de Rodríguez que foi compositor dalgunhas obras que gañaron premios no festival antes mencionado de Panxoliñas do Caixavigo (Cantemos ó Neno era unha delas) e arranxou moitos dos temas que cantabamos, sobre todo na época na que o coro pasou ser de voces mixtas a brancas. En concreto, revisando o concerto no Centro Galego de Barcelona, quedei abraiado cós arranxos do Yesterday -¡a seis voces!- dos Beatles ou do Chove Chuva de Jorge Ben que escribiu, por citar un par de exemplos. Tamén puxo música aos versos de Chuny Vázquez na canción que deu título a aquela casete do 94 que antes te comentaba “Canto Á Guarda”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario