A cidade xa ten operativo o carril bici entre Coia e a avenida de Bos Aires que cofinanciaron Deputación e Concello
Carmela Silva (presidenta da Deputación de Pontevedra): "Hoxe Vigo convértese nunha referencia de accesibilidade e de seguridade viaria; este tipo de proxectos convértenos nunha cidade para a que todo o mundo está mirando"
A
presidenta de institución provincial, Carmela Silva, e o alcalde
vigués, Abel Caballero, supervisaron desde a rúa Pizarro esta nova infraestrutura
Foto: D.PO.
Infogauda / Vigo
Desde hoxe xa é posible cruzar Vigo en bicicleta, grazas ao carril bici construído pola Deputación de Pontevedra e o Concello, operativo desde Coia ata a avenida de Bos Aires. A presidenta de institución provincial, Carmela Silva, e o alcalde vigués, Abel Caballero, supervisaron desde a rúa Pizarro - onde descubriron unha placa - esta nova infraestrutura que pon á cidade na vangarda da transición ecolóxica e o transporte e a mobilidade sustentable.
Neste senso, Carmela Silva apuntou que esta obra é unha nova mostra de "trece anos dunha transformación imparable" en Vigo e destacou que a Deputación de Pontevedra ten unha aposta fundamental "por este novo modelo de cidade e de mobilidade que promove, por un lado, a peonalización e por outro, o uso ciclista das vías de comunicación". "Hai moi poucas cidades en España que teñan mas de oito quilómetros de carrís bici, que cada vez son máis utilizados", apuntou. "Con proxectos como este, a cidade convértese nunha referencia de accesibilidade e de seguridade viaria, nunha cidade para a que todo mundo esta mirando". A institución provincial achegou 3,5 millóns de euros a este proxecto no marco do convenio asinado co Concello de Vigo.
Pola súa banda, o alcalde Abel Caballero tamén incidiu en que este carril bici "que cruza a cidade dunha punta a outra" converte a Vigo nunha "ecocidade" e que este tipo de infraestruturas baseadas na mobilidade sostible "son o presente e o futuro". "Creo que a Deputación e o Concello fomos capaces de ver que por aquí ían vir as cousas", manifestou. "E agora que o coronavirus nos deu un fortísimo toque de atención, amais do dramático dos falecementos, entendemos que hai que facer un modelo de cidade distinto. E a dos carrís bici, que significan ecoloxía total e vida saudable, é unha cultura na que a xente moza xa esta instalada e a demanda. Imos desfrutalo, imos percorrelo, porque son carrís con seguridade e nos encanta a bicicleta como modo de transporte sostible".
O rexedor lembrou que o carril bici terá continuidade na avenida de Europa cun proxecto propio que contempla tamén a habilitación de novas zonas verdes e de estancia, dentro deste novo xeito de "entender a cidade". E amais anunciou tamén que o Concello está a preparar un plan director que contempla, ao menos, tres carrís bici máis do tamaño do actual. "Vigo ten unha climatoloxía extraordinaria e temos que facer uso deste clima suave", indicou. "É posible facer carrís bici como este practicamente sen pendentes. Se aproveitamos esas dimensións poderemos facer ducias e ducias de quilómetros de carrís bici. Europa nos vai dar un mandato de cidade ecolóxica e sabemos que isto vai de dixitalización, de axenda urbana e ecoloxía e medio ambiente, que é o que estamos a facer". Caballero puntualizou tamén que no tramo da Travesía de Vigo, a nova infraestrutura non é segregada, senón que transcorre simultánea, "de modo que no carril hai que circular a 10 quilómetros hora e os automóbiles poden ir nun tramo". E avanzou que este proxecto enlazará tamén coa futura Vía Verde: "Haberá un dobre percorrido, unha parte por Travesía e outra será a Senda Verde que chega ata Redondela".
Ningún comentario:
Publicar un comentario