O Pont-Up Store detense nos efectos da crise da covid-19 nas mulleres emprendedoras
Nunha actividade organizada pola Comunidade Up, o encontro quixo analizar a man de seis emprendedoras a situación sobre a que advirten tanto as institucións como os informes publicados nos últimos meses: os efectos económicos da pandemia non serán neutrais en termos de xénero.
As mulleres serán máis castigadas que os homes porque están máis expostas aos sectores máis afectados como o comercio, o turismo ou a hostelería, onde a participación feminina é maior; pero tamén porque continúan asumindo en maior medida os coidados do fogar e da familia.
Marián Fernández Álvarez / Pontevedra
Como está afectando a pandemia global aos traballos das mulleres e, máis en concreto, ás mulleres emprendedoras? Esa era a pregunta á que tentaron dar resposta as participantes, na noite de onte xoves, no coloquio virtual O talento transformador das mulleres emprendedoras, unha das actividades incluídas no programa do Pont-Up Store, o encontro do emprendemento promovido pola Vicerreitoría do campus, a través do Campus Crea, co Concello de Pontevedra, como patrocinador principal.
A situación sanitaria provocada pola covid-19 obrigou a adiar a celebración das actividades presenciais incluídas na sétima edición deste evento, mais non así o programa de 14 talleres, coloquios e seminarios que se desenvolven a través da rede entre este xoves e este sábado. Entre eles, un debate que reuniu seis emprendedoras que participaron como expositoras en anteriores edicións do Pont-Up Store, e que buscaba afondar en como os efectos económicos da pandemia “non serán neutrais en termos de xénero”, como salientou na súa apertura Marian Fernández, socia fundadora da cooperativa cultural O Cable Inglés, e encargada de conducir este coloquio virtual.
Dos efectos da pandemia á construción dunha “nova normalidade”
As intervencións de Ana Carpinteiro, en representación do comité organizador do Pont-Up Store, e da concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, a través dun vídeo, deron paso a esta palestra virtual dirixida a abrir “novas xanelas para repensar as empresas e a sociedade nun momento no que os vellos modelos xa non son válidos”, como destacou Fernández.
Tomando como punto de partida un estudo realizado polo clúster ClosinGap que puña o foco en que “as mulleres serán máis castigadas que os homes porque están máis expostas aos sectores máis afectados e tamén máis vulnerables, como o comercio, o turismo ou a hostalería, pero tamén porque continúan asumindo en maior medida os coidados do fogar e da familia”, o coloquio buscou en primeiro termo debater se emprender “ten os mesmos custos” para homes e mulleres. Fíxoo, a través das experiencias das propias participantes, as emprendedoras María Gómez, Eva González, Paula Patiño, Ana Carpinteiro, Alba Antepazo e Elena Taboada, responsables, respectivamente, das empresas DoGo Strategy, Veigas de Sabuqueiro, A Castrexa, SomosOcéano, The Graphic Project e Árbore Arqueoloxía.
Todas as panelistas coincidiron en sinalar que á hora de emprender, as mulleres asumen menos riscos e tenden a ser máis conservadoras nas súas decisións porque levan á empresa o seu rol de coidadoras e nunca poñen en perigo nin o negocio nin o equipo. Tamén concordaron en atribuír aos liderados femininos capacidades como a empatía e sensibilidade e relacionárona co rol de coidadoras que normalmente asumen as mulleres.
A partires desta perspectiva xeral, o debate puxo o foco na situación vivida nos últimos meses por mor da covid-19, co propósito de alertar do “posible deterioro das oportunidades laborais das mulleres” que podería provocar a pandemia. Nese senso, Fernández sinalou un estudo da profesora da Universitat de Barcelona Lidia Farré, que “confirma que as mulleres asumiron máis peso nas tarefas domésticas durante o confinamento”, mesmo naqueles casos nos que os dous proxenitores seguiron traballando. A este respecto, Paula Patiño, de A Castrexa, afirmou que durante o confinamento comprobou como eran os homes os que saian máis á rúa e ás mulleres as que quedaban na casa, “mesmo nos establecementos aos que eu abastezo, vin que elas desaparecían á fronte dos negocios”. Sobre o vivido durante a cuarentena, tamén se recoñeceron como ‘resilientes’ un valor que lle atribúen en moita maior medida ás mulleres que aos homes e que, como asegurou María González de Mulleres Atlánticas, “aprendemos das nosas avoas e nais, que superaron mil e unha dificultades e ensináronnos a facer moito con moi pouco”.
Do mesmo xeito, o coloquio incidiu tamén nas fendas existentes no mercado laboral entre mulleres e homes e en como, segundo un estudo da consultora PwC, rematar con estas podería supor un incremento do PIB do 16,8%, para debater como debería construírse unha “nova normalidade” nos eidos empresarial e laboral, tendo tamén en conta aspectos como a sustentabilidade ou o que poderían achegar “novos modelos de liderado feminino”. Sobre este aspecto, sinalaron que sen dúbida o modo de xestionar, reaproveitar e colaborar, tan característico das dinámicas femininas, desemboca nunha xestión máis sostible das empresas. Con respecto ao liderado, asumen que, con frecuencia, as mulleres sinten temor ou vergoña á hora de liderar proxectos, de presidir iniciativas, de coordinar equipos, respresentar publicamente á empresa e en xeral de figurar na primeira liña "porque non se nos educa para iso, senón para estar nun segundo plano". Neste sentido, houbo alusións a algúns valores empresariais considerados masculinos que deben ser incorporados polas mulleres como é o caso da seguridade e confianza persoal, ou a firmeza nas negociacións.
Durante a palestra, analizáronse tamén as dificultades na conciliación que obrigan ás familias a pospoñer a súa decisión de ter fillos/as, o que significa que as mulleres españolas teñen, de media, o seu primeiro fillo/a aos 31 anos, a segunda máis alta da Unión Europea só por detrás de Italia e case 2 anos máis tarde que no conxunto da UE-28. Por mor desa baixa natalidade, España perdeu 1,2 millóns de habitantes nas últimas décadas cun potencial económico de máis de 31.000 millóns de euros, preto de tres puntos do PIB. Ante estes datos, as emprendedoras máis novas como Alba Antepazo de Graphics e María Gómez de Mulleres Atlánticas, manifestaron a súa preocupación polo reto que supón a maternidade na súa condición de novas emprendedoras, aínda que aseguraron coñecer ao seu redor moitas mulleres que decidiron emprender precisamente para poder organizar mellor os seus tempos de conciliación e lanzarse a ser nais, pero "sempre cuns custes persoais altísimos". A este respecto, María Gómez, opina que "o teletraballo imposto pola pandemia pode axudar se está ben xestionado"; mentres Eva González, de Veigas de Sabugueiro, reivindicou “unha baixa de maternidade de polo menos 1 ano e máis facilidades para conciliar e retomar a actividade laboral en igualdade de condicións”.
Sobre esta última reivindicación, todas sinalaron os ‘teitos de cristal’ cos que se atopan as mulleres no mercado laboral, algúns deles autoimpostos pola necesidade de compatibilizar traballos e coidados, aceptando xornadas laborais a tempo parcial ou postos de menor responsabilidade que desembocan en pensións máis baixas, como se demostra nun recente informe de Mapfre que ademais lembra que a percepción de menores pensións por parte das mulleres xubiladas repercute sobre a súa capacidade de consumo e, por tanto, no seu benestar e no do conxunto da economía.
Por ultimo, preguntadas sobre como afectou o confinamente aos seus proxectos empresariais, todas manifestaron ter aproveitado a cuarentena para repensar os seus emprendementos, facelos máis fortes, máis creativos e innovadores, encontrar novos nichos, mudar estratexias e estar preparadas para ser máis flexibles nun escenario en continuo cambio.
Tres días de programación virtual
Aínda que sen actividades presenciais, como a carpa na que cada ano novos emprendedores e emprendedoras dan a coñecer os seus produtos e servizos, o Pont-Up Store desenvolve desde o xoves un programa de actividades virtuais, nun momento no que, como sinalou o seu director, o profesor Pedro Figueroa, “as persoas que deciden lanzar o seu negocio atópanse con moitas situacións adversas e incertas para as que queremos ofrecerlles todo o apoio posible”. Nesa idea insírese de feito o seminario Como deseñar a vacina para frear os efectos da covid-19 no teu negocio utilizando design thinking, promovido por AJE-Pontevedra, que arrincou xa o pasado luns. Tamén o encontro informativo sobre os procesos de dixitalización das empresas que na tarde deste venres promove o grupo Wordpress Pontevedra. Por outra banda, o Pont-Up Store incorporou tamén nesta edición un Espazo de Internacionalización, no que se se inseriron dous obradoiros en liña organizados pola entidade Ticket2Europe, xunto con coloquio, esta tarde, dirixido a coñecer casos de emprendemento en contornas rurais, promovido por Espazo Arroelo.
Podedes consultar na web o programa detallado onde tedes a posibildiade de aplicar os filtros ÀPRAZADO’ ou ‘NON APRAZADO’, ademais dos filtros dos distintos espazos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario