16 de set. de 2020

PONTEVEDRA

Mañá comeza a edición dixital do Pont-Up Store centrada en adaptar as empresas á nova realidade

Despois de verse obrigado a adiar o seu programa presencial, o encontro de emprendemento máis importante do noroeste peninsular móstrase resiliente e afronta con ganas a súa primeira edición completamente dixital. 

As actividades en liña estenderanse dende mañá xoves ata o sábado e están enfocadas a axudar ás iniciativas emprendedoras a buscar novos nichos e adaptarse a unha etapa de cambios a través da innovación e a creatividade.



Marián Fernández Álvarez / Pontevedra

 O Pont-Up Store vai experimentar nesta 7ª edición o reto de emprender e adaptarse en tempo récord ás novas circunstancias dun escenario en permanente cambio. Coa edición presencial adiada ata unha data máis segura, mañá comezará o programa en liña que, como lembraba o director do encontro, Pedro Figueroa, “constitúe unha nova etapa no camiño de emprender, como reza o noso lema deste ano”.  

 Figueroa volve insistir en que o Pont-Up Store é agora máis necesario ca nunca porque “ademais do risco habitual que conleva sempre iniciar un emprendemento, as persoas que deciden lanzar o seu negocio atópanse neste momento con moitas situación adversas e incertas para as que queremos ofrecerlles todo o apoio posible”. Neste sentido, destacan as actividades en liña orientadas a axudar ás persoas emprendedoras a facer fronte á nova situación que plantexa a pandemia como o módulo de AJE que abrirá a programación mañá xoves ás 16:00, baixo o suxerente título de ‘Como deseñar a vacina para frear os efectos da COVID-19 no teu negocio utilizando metodoloxía design thinking’. Esta formación está desenvolvéndose dende o luns para axudar aos emprendementos participantes a solucionar os problemas provocados pola pandemia, deseñando productos e servizos adaptados á nova realidade social e económica, con procesos de compra e venda seguros e un reporte de casos de éxito que podan servir como referentes. Na sesión de mañá, os grupos de traballos participantes presentarán resultados. Para esta actividade é preciso inscribirse a través da web do encontro https://pontupstore.com.  

 Na mesma liña, o grupo Wordpress Pontevedra vai ofrecer un Meetup formativo en liña, destinado a axudar a emprendedoras e emprendedores a enfrontarse á actual situación de incertidume e de cambios empresariais bruscos, emprendendo procesos de dixitalización coa axuda de persoas expertas no mundo do marketing, a comunicación e o emprendemento. Será en aberto o venres entre as 19:00 e as 21:00, a través da canle de YouTube de Wordpress Pontevedra, ou accedendo desde a web do encontro.  

 Como novidade, destaca este ano o Espazo de Internacionalización que presenta dúas actividades en liña organizadas pola entidade Ticket2Europe para axudar a que as persoas emprendedoras en Galicia comprendan que, para construír os seus proxectos, é de vital importancia aprender do que sucede máis alá do seu entorno. Os encontros están plantexados como obradoiros, un deles en inglés, onde as persoas participantes poderán a prender a construír a súa rede de alianzas internacionais, coñecer a persoas emprendedoras doutros países para conocer sus historias de emprendemento social; e desbloquear os medos á hora de emprender. Será o xoves e o venres de 18:00 a 19:00 con inscrición a través da páxina do evento. E aínda dentro do Espazo de Internacionalización, Espazo Arroelo presenta o xoves de 19:00 a 20:00, a sesión De volta ás orixes – Back to the roots, onde coñeceremos casos de emprendemento vinculados ao retorno ás orixes, a traballar con visión internacional pero desde entornos rurais, que neste momento de crise sanitaria semellan ser os máis seguros e saudables, e tamén os máis sostibles. As actividades do Espazo de Internacionalización están cofinanciadas polo programa LIDERA-INTERREG da UE.  

 O Espazo de Igualdade ofrece nesta edición en liña dúas palestras ben candentes. Dun lado, o xoves entre as 19:00 e as 20:30, desenvolverase a palestra ‘O talento transformador das mulleres emprendedoras’ organizado pola Comunidade Up coa participación de seis emprendementos femininos que teñen participado en anteriores edicións do encontro, para analizar como os efectos da crise da covid-19 están castigando máis ás mulleres por estar máis expostas aos sectores especialmente afectados como o turismo, o comercio ou a hostelería; pero tamén porque continúan asumindo en maior medida os coidados do fogar e da familia, nun período no que se produciu un incremento sen precedentes das responsabilidades familiares. Dentro deste mesmo espazo, o sábado, entre as 11:00 e as 12:30, está programada unha interesante mesa redonda baixo o título “Hackers galegas que defenden o ciberespazo”, onde hackers éticas e expertas en ciberseguridade debaterán sobre o presente e futuro do ciberespazo, as venturas e desventuras que atopan na súa profesión, e sobre o futuro dos perfís profesionais e o emprendemento nesta disciplina.  

 Ademais, este ano o Pont Up Store volve traer a Pontevedra un sector en crecemento en todo o mundo: a industria dos videoxogos. Dentro do Espazo Gaming, están programadas para o venres, entre as 17:00 e as 19:00, tres charlas divulgativas, organizadas por SPA-cc/HobbyPont, dirixidas a aquelas persoas interesadas en coñecer experiencias de emprendemento que teñen saltado dos videoxogos a eidos profesionais nos que os xogos serios aproveitan o aprendido na industria do ocio para completar, mellorar ou suplementar a experiencia do usuario por medio do uso da realidade aumentada e a realidade virtual. As tres charlas serán consecutivas e poderán seguirse  a través do enlace habilitado na páxina do encontro.  

 Tamén estará de novo presente o Espazo de Desenvolvemento de Competencias e Economía Social, no que ademais das actividades de AJE, están programadas outras 2 actividades. Dun lado, o xoves entre as 19:00 e as 20:15, o formador e asesor TIC, David López Pazos, e o especialista en sistemas informáticos, Oscar Prats Expremans, ofrecerán unha charla dirixida a profesionais e persoas autónomas para ensinarlles as nocións de seguridade básica informática que teñen que ter en conta no manexo do seu negocio coa idea de que aos poucos vaian implementando melloras neste aspecto. Dentro deste mesmo espazo inclúese tamén a proposta formativa en liña de R ‘Leva o teu negocio ao seguinte nivel co marketing dixital’ destinada a que as persoas emprendedoras coñezan os fundamentos do marketing dixital para mellorar a presenza e posicionamento online do seu proxecto de negocio co obxectivo de atraer clientes e aumentar as súas ventas. Haberá 2 sesións, o venres e o sábado, de 10:00 a 11:30. En todos os casos, as inscricións realizaranse a través da web do encontro.  

 Dentro do Espazo de Innovación Social presentaranse proxectos con impacto social de Galicia e do estranxeiro, que desde diferentes ópticas lograron trunfar co seu propio modo de facer as cousas. Será o sábado, en 2 sesións consecutivas organizadas por Espazo Arroelo, entre as 11:00 e as 13:00.  

 A web do Pont-Up Store funcionará a partir deste ano como plataforma para soportar a dixitalización dun evento que continuará a súa traxectoria en formato híbrido, co obxectivo de ir sumando contidos que conformen un repositorio estable e de interese para os novos emprendementos.  

 O Pont-Up Store está liderado polo Campus CREA de Pontevedra (Universidade de Vigo) co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante estes sete anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento.  

 Podedes consultar na web o programa detallado onde tedes a posibildiade de aplicar os filtros ÀPRAZADO’ ou ‘NON APRAZADO’, ademais dos filtros dos distintos espazos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario