A Xunta de Galicia ofrece o seu apoio ao tecido empresarial para defender os intereses das preto de 5.000 edificacións afectadas en Galicia pola modificación da normativa estatal de costas
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lembra que o Executivo galego foi o primeiro en alertar hai máis dun ano da inseguridade xurídica e da incerteza que suporía a reforma para edificacións asentadas no litoral
Defende a vixencia da Lei de Costas do
ano 2013 e os criterios que introduciu sobre a duración das concesións
na zona de dominio público marítimo-terrestre e esixe a retirada do
artigo da nova Lei de Cambio Climático que regula este aspecto
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, subliña o impacto que terían os cambios previstos polo Goberno sobre o sector vencellado á cadea mar-industria, con máis dun cento de empresas localizadas na primeira franxa litoral
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a do Mar, Rosa Quintana, mantiveron unha reunión con representantes das Confederacións de Empresarios da Coruña, Lugo e Pontevedra
Foto: X.G.
Infogauda / A Coruña
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, subliña o impacto que terían os cambios previstos polo Goberno sobre o sector vencellado á cadea mar-industria, con máis dun cento de empresas localizadas na primeira franxa litoral
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a do Mar, Rosa Quintana, mantiveron unha reunión con representantes das Confederacións de Empresarios da Coruña, Lugo e Pontevedra
Foto: X.G.
Infogauda / A Coruña
A Xunta de Galicia tendeulle hoxe a man
ao tecido empresarial para colaborar e seguir defendendo os intereses de
todas aquelas industrias e sectores asentados na franxa litoral da
comunidade pola intención do Estado de introducir cambios substanciais
na Lei de Costas do ano 2013 e que, segundo as estimacións do Goberno
galego, poderían afectar a preto de 5.000 edificacións.
A unha
semana de que finalice o prazo de emendas ao proxecto de Lei de Cambio
Climático que modifica a normativa de Costas, a conselleira de Medio
Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a do Mar, Rosa
Quintana, mantiveron unha reunión con representantes das Confederacións
de Empresarios da Coruña, Lugo e Pontevedra para analizar o impacto da
reforma sobre a vixencia das concesións na zona de dominio público
marítimo-terrestre.
Ao respecto, Vázquez Mejuto lembrou que, hai
algo máis dun ano, foi Galicia a primeira comunidade en dar a voz de
alarma sobre a modificación do regulamento da Lei de Costas que quería
aprobar unilateralmente o Goberno central. Naquel momento, a Xunta
alertou de que os cambios previstos afectaban á duración das concesións
vixentes sobre terreos localizados na franxa litoral, xeraban
inseguridade xurídica e, por tanto, puñan en risco o futuro e a
permanencia nas súas actuais localizacións de miles de actividades
empresariais e de inmobles destinados a diferentes usos públicos e
privados.
Finalmente, o Goberno deu marcha atrás e aceptou retirar
a modificación do regulamento de Costas pero meses despois, como
explicou Ángeles Vázquez, retomou o seu obxectivo “ás agachadas” a
través da nova Lei de Cambio Climático, nestes momentos en fase de
emendas. Por este motivo, a responsable autonómica esixiu a retirada do
artigo 18.4 deste proxecto lexislativo, referido á duración das
ocupacións da franxa de dominio público.
“Cremos que non é
necesario modificar a Lei de Costas posto que a normativa do ano 2013 xa
deixa suficientemente claras estas cuestións”, recalcou a conselleira
de Medio Ambiente, quen engadiu que, en caso de promover unha
modificación do actual marco legal, a Xunta esixe que se faga “con todas
as garantías de transparencia, de diálogo e coa oportuna tramitación”
en lugar de tentalo “pola porta de atrás a través doutra normativa
diferente”.
Na mesma liña, a conselleira do Mar, Rosa Quintana,
advertiu que, tal e como está, o actual proxecto de Lei de Cambio
Climático que modifica a normativa de Costas pon en risco a máis dun
cento de empresas e outras actividades do complexo mar-industria. Neste
sentido, a titular de Mar trasladou unha vez máis o apoio da Xunta á
cadea mar-industria en favor da seguridade xurídica das empresas e do
resto de edificacións públicas asentadas no litoral.
Finalmente,
as dúas conselleiras incidiron en que a modificación en materia de
costas que trata de introducir “sen diálogo” o Goberno central está a
xerar preocupación e desconfianza entre os posibles afectados. Por iso,
insistiron ante os representantes da patronal das provincias da Coruña,
Lugo e Pontevedra en que recollerán as súas inquedanzas e defenderán
ante o Estado a necesidade de manter esa “seguridade xurídica” que
necesitan as empresas e edificacións asentadas no litoral galego,
garantindo un escenario normativo “claro e preciso” que permita a súa
viabilidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario