O plan Deporemse da Deputación leva a Ponteareas un novo espazo urbano do século XXI na contorna dos principais equipamentos da vila
A presidenta Carmela Silva visitou hoxe as obras que contan cun investimento de máis de 400.000 euros, "unha actuación exemplo da transformación da provincia"
A presidenta da Deputación de Pontevedra e o alcalde de Ponteareas, xunto con outras persoas con cárregos de representación pública, veñen de visitar as obras de transformación da contorna da piscina municipal, do centro deportivo Álvaro Pino e do centro de saúde
Foto: D.PO.
Foto: D.PO.
Infogauda / Ponteareas
A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva e o alcalde
de Ponteareas Xosé Represas veñen de visitar as obras de transformación
da contorna da piscina municipal, do centro deportivo Álvaro Pino e do
centro de saúde que nun prazo de tres meses van configurar un renovado
espazo, propio do século XXI, no acceso á vila. A través desta
actuación, que conta cun investimento de máis de 400.000 € no marco do
Plan DepoRemse, recuperarase o espazo público para as persoas a través
dun concepto urbanístico integrador que servirá, tal e como destacou a
presidenta, de exemplo e modelo "para transformar a provincia de
Pontevedra".
"Tiña moito interese en ver o inicio desta
actuación na que se prima ás/aos peóns, para as/os que temos que
recuperar o espazo público que os vehículos fixeron seu no século XX",
destacou Carmela Silva na visita ás obras que están a renovar e
transformar unha contorna con equipamentos "tan importantes,
relacionados coa saúde e o deporte". Neste eido, a presidenta gabou a
iniciativa por converter ás persoas en protagonistas, porque "axuda a
construír cidades e pobos amables, devolvéndolle á xente aquilo que é
seu", con "espazos verdes para o desfrute da veciñanza" e tamén menos
contaminantes, ao haber menos vehículos, e máis saudables. Amais Silva
incidiu no carácter "modélico" da actuación, que servirá de exemplo a
outros concellos "para transformar a provincia de Pontevedra. Esta
provincia estase a transformar grazas a unha administración provincial
que cre nestes valores e a concellos, como o de Ponteareas, que apostan
por modelos respectuosos".
Pola súa banda, o alcalde de
Ponteareas Xosé Represas destacou que "as obras de reordenación e
integración urbana da contorna da piscina e do complexo deportivo Álvaro
Pino suporán a mellora da accesibilidade ao centro de saúde e espazos
públicos anexos seguindo as liñas de transformación urbana marcadas polo
noso goberno dende o ano 2015". En concreto, o alcalde explicou que os
principais obxectivos son "mellorar a calidade de vida da veciñanza
deseñando os espazos pór e para as persoas, tal e como formulamos na
nosa estratexia de crecemento Ponteareas, habitat saudábel".
Finalmente, Represas agradeceu á Deputación de Pontevedra "o seu apoio
ao seleccionar, de entre moitos proxectos, a nosa proposta que amosa que
camiñamos na mesma dirección de futuro".
Esta actuación, que
comezou este mes de setembro, abrangue unha superficie de máis de 35.000
metros cadrados. En liñas xerais, modernizará un dos accesos a
Ponteareas, pola N-120, renovando o espazo público, mellorando a
mobilidade peonil, ordenando os distintos tipos de tráfico con criterios
de seguridade, e creando un concepto urbanístico integrador. Amais,
permitirá á vila gañar tres prazas públicas e un parque axardinado entre
a piscina e a rúa Real, fronte ao centro deportivo Álvaro Pino e na
zona frontal do centro de saúde. Tamén conectará o espazo coa senda
verde do rego da Venda e crearanse áreas peonís, así como de
coexistencia de vehículos e persoas.
A Deputación
de Pontevedra, dende o 2015, está a realizar investimentos de case 12
millóns de euros en Ponteareas, sendo especialmente significativas as
actuacións na rede de estradas provinciais, que ascenden a 2,1 millóns.
Por outra banda e a través do Plan Concellos executáronse un total de 60
obras, desenvolvéronse unha trintena de actividades socioculturais e
contratáronse a 185 persoas para traballar no concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario