A Mancomunidade Intermunicipa do Baixo Miño da luz verde á licitación do Servizo de Atención Temperá da comarca
· A reunión celebrouse esta mañá no Concello de Tomiño, municipio que albergará as instalacións do devandito servizo
A xuntanza da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño celebrouse este mércores no salón de plenos do Concello de Tomiño
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, constituída polos concellos de A Guarda, O Rosal, Tui e Tomiño, deu luz verde á creación da Unidade de Atención Temperá da comarca, cunha xuntanza celebrada no Concello de Tomiño esta mañá, na que aprobaron os pregos de condicións para a licitacióndo servizo; un servizo que permitirá ás familias con menores con dificultades de aprendizaxe, ser tratadas na propia comarca, sen ter que trasladarse a Vigo.
A subvención achegada pola Xunta de Galicia e polos propios concellos permitirá contratar a tres profesionais dos campos da psicopedagoxía, psicoloxía e logopedia, que atenderán a familias con fillos ou fillas de entre 0 e 6 anos que precisen pautas e estratexias que promovan a súa normalización.
“Entendemos que a estimulación temperá permite detectar e traballar de maneira coordenada e integrada coa familia, facer as derivacións oportunas e dotar dos recursos necesarios, para evitar custosos desprazamentos que son moi gravosos para as familias con menos recursos”, explican dende o Servizo de Educación e Apoio Familiar de Tomiño, que foi o redactor do proxecto para a mancomunidade.
O proxecto alcanzará á Comarca do Baixo Miño -aínda que a unidade estará situada en Tomiño-, que conta cunha poboación total de 48.175 habitantes e 2.035 menores de 6 anos. Dentro da franxa de idade dos 0 aos 6 anos, segundo os datos facilitados, aproximadamente un 10% dos menores desta franxa de idade padecen dalgunha patoloxía do tipo T.E.A., problemas de dicción, foniatría ou TDHA.
Ningún comentario:
Publicar un comentario