Aberto o prazo de solicitude de praza no CRA María Zambrano e no CPI Manuel Suárez Marquier
· Na Escola Infantil A Galiña Azul do Rosal está prevista a apertura do procedemento a partir do vindeiro 18 de maio
CRA María Zambrano
Fotos: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Goberno Municipal do Concello do Rosal, vén de facer público un comunicado no que informa: "Coincidindo coa Fase 1 da desescalada, os centros de ensino do Rosal comezan a reanudar os procesos de solicitude de novas prazas para nenos e nenas que entren en 3 anos ou do resto de cursos de infantil, primaria e secundaria que queiran cambiar de centro educativo. Así, o CRA María Zambrano e o CPI Manuel Suárez Marquier teñen xa aberto ata o luns 18 de maio o prazo de solicitude de admisión de alumnado novo nos centros, mentres que a escola infantil Galiña Azul prevé iniciar a apertura do procedemento aínda a vindeira semana.
O alumnado que xa está matriculado en calquera destes centros non necesita facer solicitude, xa que a renovación da matrícula é automática.
CRA María Zambrano
Os pais e nais interesados en solicitar praza no CRA María Zambrano poden achegarse á sede do centro en Pías para presentar a documentación ata o vindeiro luns 18 de 10:00 a 13:00 horas sen cita previa. O documento de solicitude de praza pode descargarse no apartado de ‘Matriculación’ da páxina web do centro, onde tamén aparecen as modalidades de presentación e a documentación que se debe de achegar.
A lista provisional de admitidos publicarase antes do día 26 de maio e as listas definitivas antes do 26 de xuño. As publicacións estarán no taboleiro da sede do CRA.
CPI Manuel Suárez Marquier
O prazo de solicitude de admisión de alumnado novo no CPI será tamén do 11 ao 18 de maio pero, para evitar aglomeracións, os pais e nais deben acudir ao centro con cita previa. Para solicitala deben chamar ao 886 12 03 85.
CPI Manuel Suárez Marquier
O centro ten na súa páxina web o impreso de solicitude, así como toda a información necesaria para solicitar a praza de tres formas distintas: cubrindo a solicitude informaticamente e presentala asinada de xeito manual no centro, cubrir a solicitude informaticamente e asinala en Sede Electrónica ou cubrir a solicitude de xeito manual e presentala de forma presencial no centro.
Dende o centro pregan a todas as persoas que acudan a presentar as solicitudes que empreguen mascarilla e que respecten as distancias mínimas se hai cola. Ademais, recomendan que só vaia unha persoa a facer o trámite e que non vaian nenos e nenas.
Escola infantil A Galiña Azul
Escola Infantil A Galiña Azul do Rosal
Pola súa banda, a escola infantil A Galiña Azul ten prevista a apertura do procedemento de adxudicación de prazas para o vindeiro curso 2020/21 a partires do vindeiro luns 18 de maio. Abriranse as instalacións da escola para que as persoas interesadas en solicitar praza poidan realizar os trámites administrativos e entregar toda a documentación. Será por cita previa e fomentarase a presentación de solicitudes por vía telemática".


Ningún comentario:
Publicar un comentario