12 de maio de 2020

O ROSAL

A Biblioteca Pública reabre as súas portas para o préstamo de libros  

· Non estará aínda permitido o estudo en sala nin o uso de ordenadores   

Porta de acceso a Biblioteca Municipal do Concello do Rosal
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Goberno local do Concello do Rosal vén de facer público que a Biblioteca Pública reabre este mércores 13 de maio as súas portas para o préstamo de libros. Por iso, e dada á situación de emerxencia sanitaria que estamos a vivir, o executivo municipal que preside á alcaldesa Ánxela Fernández tamén dá a coñecer as normas que nesta Fase 1, da transición cara a chamada nova normalidade, compre ter en conta, e dese xeito contribuir a coidar a saúde da cidadanía.

 Para comezar indícase que coa reapertura da Biblioteca Pública do Rosal, os usuarios e usuarias poderán así devolver os exemplares collidos no mes de febreiro e marzo e levar de novo á súa casa un máximo de 2 libros por persoa, dado que as medidas de reapertura marcadas polas autoridades sanitarias obrigan a poñer en corentena un mínimo de 14 días todos os exemplares devoltos polo público. O horario de apertura será o habitual ata o de agora: luns de 15:30 a 20:30 horas e de martes a venres de 16:00 a 20:30 horas. 

 Todas as persoas interesadas en facer uso da Biblioteca Pública do Rosal terán que cumprir os protocolos de precaución establecidos. Habilitarase soamente unha entrada, que será pola porta lateral, e non se poderá buscar entre os libros que haxa nos estantes nin tocar nada. Os usuarios e usuarias deberán pedir título concreto ou xénero ao persoal da Biblioteca. Na plataforma da biblioteca poderán consultarse a dispoñibilidade dos distintos títulos. 

 Nesta fase de reapertura non estará permitido o préstamo interbibliotecario, así como tampouco o estudo en sala nin o uso de ordenadores, e as coleccións de libre acceso permanecerán pechadas ao público. Ademais, todos os menores de 11 anos deberán ir acompañados sempre dunha persoa adulta.  

 Será obrigatoria a desinfección das mans á entrada das instalacións co xel hidroalcohólico que se porá a disposición dos usuarios e usuarias na porta e respectar as distancias mínimas de seguridade. Ademais, recoméndase o uso de máscara e extremar todas as medidas de prevención durante a posible espera ou a entrada nas instalacións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario