25 de abr. de 2020

PONTEVEDRA

CRISE SANITARIA CORONAVIRUS 
AS FARMACIAS DE PONTEVEDRA INFORMAN Os CIDADÁNS SOBRE Os NOVOS PREZOS DAS MÁSCARAS CIRÚRXICAS E DE DETERMINADOS XELES  HIDROALCOHÓLICOS 
· Tras a entrada en vigor dos novos prezos máximos, os cidadáns acoden ás farmacias solicitando información 
· Os profesionais farmacéuticos continúan realizando o seu labor sanitario atendendo as necesidades de saúde dos cidadáns 

Infogauda / Pontevedra
 A entrada en vigor, o venres 24 de abril, dos prezos máximos de venda ao público das máscaras cirúrxicas atopou a moitas farmacias con stocks comprados a prezos moi superiores ao prezo establecido polo Goberno. Así o vén de afirmar o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra.
 Durante semanas os usuarios preguntaron a diario nas súas farmacias “Tedes máscaras?”, e con cada resposta negativa o cidadán emprendía unha procura case sempre infrutuosa para tentar atopar algunha farmacia que recibise un pedido e non tivese comprometida unha lista de espera interminable. 
 “Foi o peor escenario posible” -declara unha farmacéutica- “Non poder dar servizo aos nosos pacientes, moitos deles necesitados de máscaras debido ás súas patoloxías”. 
Encarecemento do prezo de custo das máscaras para as farmacias 
 Ao non lograr proverse de máscaras nos seus distribuidores habituais, houbo farmacéuticos que acudiron a provedores que ofrecían estes produtos a prezos moi elevados e obrigábanlles a compras de grandes cantidades e pagos por adiantado. 
 As existencias de máscaras cirúrxicas das farmacias foron adquiridas a prezos de custo máis altos que o prezo de venda ao público establecido polo Goberno o que, tras a entrada en vigor do prezo máximo, obriga aos farmacéuticos a vender a perdas este produto. 
 O aumento dos prezos en orixe, provocou o encarecemento destes produtos para as farmacias e, en consecuencia, para os cidadáns. Por iso, foron os propios farmacéuticos quen solicitaron ao Ministerio de Sanidade que puxese fin a esta especulación controlando os prezos de compra e de venda das máscaras. 
 “Regular o prezo das máscaras era necesario para evitar a especulación e o aumento abusivo e inxustificado de prezos que estabamos a sufrir os farmacéuticos e os cidadáns, pero debe fixarse tamén o prezo en orixe e non unicamente o prezo máximo de venda ao público para evitar desabastecementos”, explica Alba Soutelo, a presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra. “Se a máscara vai ser un produto de primeira necesidade para os cidadáns, deberíase aplicar o IVE superreducido do 4 por 100”, recalca a presidenta dos farmacéuticos pontevedreses. 
Os xeles  hidroalcohólicos afectados polo prezo máximo 
 O establecemento de prezos máximos de venda non só afecta as máscaras cirúrxicas, senón tamén aos xeles e solucións  hidroalcohólicas, pero non a todos, senón unicamente aos das nove empresas fabricantes autorizadas temporalmente pola AEMPS, que non fornecen habitualmente ás farmacias. 
 É moi complicado explicar nas farmacias que non se dispón dos xeles hidroalcohólicos cuxo prezo se regulou porque non se están distribuíndo a través da canle farmacéutica e os que fornecen ás farmacias os distribuidores habituais teñen un prezo máis elevado. 
Información desde as farmacias 
 A aplicación dos prezos máximos nestes produtos provocou confusión, polo que o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra distribuíu ás farmacias carteis nos que se informa sobre cales son as máscaras e xeles hidroalcohólicos que teñen fixado un prezo máximo de venda, a fin de ofrecer unha información clara aos usuarios. 
 O prezo máximo de 0,96 euros (IVE incluído) das máscaras só afecta ás cirúrxicas, non ás máscaras hixiénicas nin ás  FFP1,  FFP2 ou  FFP3 nin os seus equivalentes  N95,  N99 ou  KN95. 
 O prezo máximo de xeles e solucións  hidroalcohólicas unicamente é de aplicación para os procedentes das empresas autorizadas para iso de forma temporal pola AEMPS e que figuran na nota informativa publicada o pasado 12 de abril: 
· COTY S.A.S. PARÍS ou INDUSTRIAL FARMACEÚTICA CANTABRIA S.A.
· L ́ ORÉAL ESPAÑA S.A.
· MIXER &  PACK S.L. 
· BEIERSDORF AG 20245  HAMBURG 
·ANTONIO PUIG, S.A.
·FAES FARMA S.A. 
·TALLER ÁURIA  SCCL 
· GRUPO JUSTE 
 Por tanto, non afecta os xeles e solucións  hidroalcohólicas producidos en farmacias, nin aos procedentes doutras empresas comercializadoras de produtos cosméticos que xa os estaban producindo. 
Continúa o labor sanitario dos farmacéuticos 
 Durante este estado de alarma os farmacéuticos continúan prestando un servizo sanitario esencial nas 428 farmacias da provincia de Pontevedra, asumindo os riscos derivados da súa profesión e dando o mellor de si mesmos para cubrir as necesidades actuais da poboación e do Sistema Nacional de Saúde. 
 Os farmacéuticos adaptaron as farmacias para dar o mellor servizo profesional nas maiores condicións de seguridade para a poboación. Son o primeiro punto de atención á saúde e información aos cidadáns, atenden a persoas de forma continuada e levan medicamentos aos domicilios dos pacientes con síntomas de  COVID-19 e daqueles que o necesitan porque deben permanecer en illamento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario