A CIG denuncia o acordo asinado en CTAG para o persoal que presta servizo para PSA pola situación derivada da Covid-19
Infogauda / Galicia
O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), vén de asinar, xunto con CCOO e Independentes de CTAG, un acordo para xestionar a suspensión da actividade do persoal que presta servizos para proxectos de PSA.
A CIG denuncia que tras a declaración do estado de alarma por emerxencia sanitaria a compañía xestionou a situación do persoal de acordo co comité de empresa mediante teletraballo (opción recomendada polo Goberno central como prioritaria); non obstante, o pasado día 12 traspasou os límites legais co acordo asinado pola dirección coas forzas sindicais antes mencionadas, que a central nacionalista rexeitou.
Este acordo obriga ao persoal que presta os seus servizos para proxectos de PSA a compensar coas súas vacacións de 2020 a falta de actividade no centro de PSA, cando se debe remarcar que as vacacións son un dereito persoal fundamental do traballador/a.
A CIG rexeitou asinar o acordo pola clara ilegalidade das medidas recollidas no documento. Durante a negociación os delegados/as achegaron distintas alternativas, pero dende o primeiro momento o acordo baseouse no uso obrigatorio e ilegal dos días de vacacións.
Tras a sinatura do acordo a CIG presentou a correspondente denuncia diante da Inspección de Traballo, pero por se non fose suficiente a empresa e os sindicatos CCOO e IdeC volven vulnerar a legalidade e asinan unha prórroga do acordo por 15 días máis.
Desta forma, os traballadores/as perder máis días de vacacións e acumulan unha débeda de horas coa empresa, que pode ser superior ás 200 nalgúns casos, hipotecando o futuro do persoal afectado, e máis aínda no caso dos contratos eventuais, que non terán tempo material para a devolución destas horas antes da conclusión do contrato.
Os delegados/as da central sindical rexeitan que se asine unha prórroga deste acordo mentres non se volva á legalidade e se tomen medidas que protexan os traballadores/as prexudicados/as.
Dende o comezo da crise provocada pola Covid-19, a CIG está a advertir que as empresas cometen todo tipo de abusos e ilegalidades na xestión laboral, conculcando os dereitos dos seus cadros de persoal. O que máis sorprende, sinalan dende o sindicato, é que haxa outras organizacións sindicais dispostas a colaborar con estes abusos e ilegalidades cometidas polas empresas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario