Luis López encabeza a viaxe institucional da Deputación a Arxentina para pechar a cesión temporal do cadro de Castelao “A derradeira lección do mestre” ao Museo de Pontevedra
• O presidente provincial partirá este sábado cara Bos Aires xunto co vicepresidente Rafa Domínguez e o deputado de Cultura, Jorge Cubela, cunha axenda que inclúe encontros coa colectividade de galegos emigrados tanto na capital arxentina como na de Uruguai, Montevideo
Infogauda / Pontevedra
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, encabeza unha viaxe institucional do goberno provincial a Arxentina e Uruguai co obxectivo principal de pechar o acordo de cesión temporal do cadro de Castelao, “A derradeira lección do mestre”, para o Museo de Pontevedra, así como estreitar os lazos coa comunidade galega residente en Bos Aires e en Montevideo, onde ten previstos encontros con colectivos veciñais e empresariais. A expedición, da que tamén forma parte o vicepresidente e responsable do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez; e o deputado de Cultura, Jorge Cubela; e a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve; ten previsto partir este sábado 22 de novembro cara á capital arxentina e regresar desde a urbe uruguaia o día 27.
Facer oficial o acordo de cesión temporal da pintura de Castelao, “A derradeira lección do mestre” para completar a maior colección artística do intelectual de Rianxo que custodia o Museo de Pontevedra e redondear con ela a conmemoración do 75 aniversario do seu pasamento é o principal obxectivo da viaxe. As conversas co Centro Galicia de Buenos Aires, titular desta emblemática obra de arte da que o Museo provincial garda o debuxo orixinal, están moi avanzadas e só queda asinar o contrato de cesión que xa se pactou hai un mes coa visita do seu presidente José María Vila Alén a Pontevedra. Esta cesión, que será de carácter temporal, supón unha nova mostra do compromiso do goberno de Luis López coa cultura galega, coa figura do galeguista precisamente no Ano Castelao e coa colaboración cos colectivos veciñais e culturais tanto desta como da outra beira do Atlántico.
A axenda institucional inclúe unha serie de encontros con representantes de distintos colectivos culturais e sociais de galegos emigrados desde distintos concellos da provincia, así como visitas oficiais a espazos e edificios emblemáticos destas dúas cidades: Bos Aires e Uruguai. A primeira delas terá lugar o domingo 23 no Centro Cultural del Partido de A Estrada e terá continuidade o luns cunha recepción no Centro Lalín, Agolada e Silleda; ambas as dúas en Bos Aires. Ao día seguinte, despois do desprazamento ata Montevideo, está prevista unha reunión co presidente da Club de Ejecutivos del Uruguay, José Costa, unha entidade irmandada co Círculo de Empresarios de Vigo seguida dunha homenaxe no Centro Pontevedrés de Montevideo.
Ademais destes encontros, están previstas en Bos Aires outras visitas institucionais ao Centro Gallego de Bos Aires, á sede do Centro Galicia, ao Campo Galicia, e ao Museo da Emigración Galega na Arxentina. Mentres que en Montevideo, ademais da entidade empresarial uruguaia, ao Centro Galego de Montevideo. Para o goberno provincial, trátase dunha oportunidade de estreitar lazos coa Galicia exterior e afondar nos vencellos sentimentais e culturais a ambas beiras do Atlántico, así como aproveitar as oportunidades e os intereses comúns entre a provincia e a colectividade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario