21 de abr. de 2020

O ROSAL

Se fas deporte na casa neste tempo de confinamento... agardamos a túa foto!  

· O Concello pon en marcha o xogo #nacasaperoenforma, co que compartir fotografías de situacións orixinais facendo exercicio  



Informa: Concello do Rosal

 O Concello do Rosal propón unha nova iniciativa coa que pasar de forma entretida os días de corentena e confinamento. Esta semana poñemos en marcha #nacasaperoenforma, un novo xogo co que se procura implicar a toda a veciñanza e levar unha vez máis un intre de diversión a todos os fogares a través das fotografías e das redes sociais. Nesta ocasión a temática da foto será o exercicio físico que se fai estes días na casa, imaxes que recollan situacións cómicas, levantamento de pesos orixinais, lugares impensables, retos imposibles... e todas aquelas cousas divertidas que se lle ocorran aos veciños e veciñas. Todas estas imaxes enviadas iranse publicando nas redes sociais do Concello. 

 Non se trata dun concurso, senón dun xogo aberto a toda a poboación no que se buscará sobre todo a orixinalidade. Todas as persoas que queiran participar deberán enviar a súa fotografía por correo electrónico a euquedonacasa@concellodorosal.gal, indicando no asunto ‘Na casa pero en forma’ e incluíndo como datos o nome e apelidos das persoas que aparezan na fotografía, datos que non serán nunca publicados. 

 No caso de aparecer menores de idade nas imaxes, dase por feito que os adultos responsables dan o seu consentimento expreso para a utilización desa imaxe en redes sociais. Ademais, o envío da fotografía suporá a aceptación e cesión dos dereitos da imaxe para a utilización por parte do Concello en futuros usos (arquivo, exposicións...). 

 Animádevos a participar!
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario