15 de abr. de 2020

O BAIXO MIÑO

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA E O AECT RIO MIÑO ENCARGAN UN ESTUDO DE URXENCIA SOBRE O IMPACTO SOCIOECONÓMICO DO PECHE DAS FRONTEIRAS NO RÍO MIÑO A CAUSA DO COVID-19  

Uxío Benítez advirte de que “o efecto da pandemia nas fronteiras é dobre” e reclama “unha especial atención por parte das autoridades europeas cara estes territorios”

Vista aérea dun tramo do río Miño, entre San Miguel de Tabagón (O Rosal) e Lanhelas e Seixas (Portugal)
Foto: D.PO.

Infogauda / O Baixo Miño 

 O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez, anunciou hoxe que a Deputación de Pontevedra en colaboración coa agrupación realizará un estudo de urxencia sobre o impacto socioeconómico que o peche de fronteiras provocado pola pandemia do Covid-19 está a ter sobre o territorio transfronteirizo do río Miño.   

 Benítez explicou que o territorio do río Miño transfronteirizo vese afectado á súa vez polo decreto de estado de alarma español e o estado de emergência portugués. A recuperación das fronteiras, xusto cando se está a producir o 25 aniversario do Tratado de Schengen, e a supresión do tránsito en lugares de paso, “supoñen unha limitación adicional ao do resto de territorios”, indicou o deputado provincial. “O efecto da pandemia na fronteira é dobre, incide sobre a saúde e a economía local, como en todas partes, pero ademais afecta aos fluxos transfronteirizos nun territorio fortemente interrelacionado”.   

 “Atopámonos nunha etapa na que se están a construír Eurocidades, servizos públicos e organismos compartidos, e sobre todo na que a vida cotiá das persoas, das familias e das empresas desenvólvese nas dúas beiras do río, de xeito que as limitacións teñen aquí un impacto diferente e máis profundo ao que é necesario atender”, advertiu o director do AECT Rio Minho.  

 Por outro lado, Uxío Benítez dirixiuse ás autoridades europeas para reclamar “unha especial atención e medidas concretas para os territorios transfronteirizos que son os que máis están acusando esta crise”.  

 O estudo realizarase a través de entrevistas, telefónicas ou por videoconferencia, con representantes políticos e sociais de todos os concellos do Miño de ambas beiras e un seguimento dos medios de comunicación e das redes sociais. “Este informe permitiranos dimensionar nun primeiro achegamento o impacto territorial e tomar decisións de modo inmediato con independencia da necesidade de maiores e máis amplios estudos posteriores”, aclarou Benítez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario