15 de abr. de 2020

TOMIÑO

Un empresario de Tomiño ofrece as súas máquinas para desinfectar as dependencias e coches das forzas de seguridade locais 

Enrique “Rui” Vicente, propietario dunha empresa de desinfección con ozono, comprométese a manter as dependencias da Policía Local e Garda Civil, libre de xermes mentres dure o confinamento   

Enrique “Rui” Vicente - á dereita da imaxe - dispóndose á desinfección dos vehículos da Policía Local de Tomiño
Foto: C.T.


Infogauda / Tomiño

 A solidariedade civil está a ser noticia estes duros días de confinamento. E é de agradecer. Enrique “Rui” Vicente, veciño do barrio da Salgosa (Tomiño), ofreceu as máquinas da súa empresa estes días, para desinfectar os locais e os coches da Policía Local, Garda Civil e Protección Civil de Tomiño con ozono, unha alternativa para evitar o contaxio de bacterias, cun gas que esteriliza e hixieniza moi profundamente sen contaminar o ambiente. Personal da súa empresa pasou varias horas desinfectando tamén as dependencias da Policía Local e Guarda Civil de Tui.  

 Segundo explica o empresario, propietario da firma “Never After” con sede en Portugal, o ozono xerado para o uso industrial é un oxidante poderoso que disolve a suciedade e os xermes, e logo se descompón volvendo ao seu estado orixinal: osíxeno. Ataca aos microorganismos e os destrúe e -algo moi importante- non aporta ningunha sustancia extraña nin perigosa ao ambiente. Dito doutra forma, o ozono descomponse espontáneamente en osíxeno, converténdose deste xeito no único desinfectante e descontaminante que non contribúe á contaminación química do ambiente.  

 Por iso, ademais de polos seus custes, moi baixos, é ideal para ser utilizado como biocida na agricultura pero, desafortunadamente, coma comenta Vicente, falta aínda unha boa regulación xurídica por parte dos gobernos e moita divulgación e concienciación da cidadanía. “É o desinfectante máis potente e barato que hai; porque non ten insumos case, por iso non interesa que se coñeza máis, advirte este profesional con máis de 30 anos de experiencia, que enviou só a Italia, máis de 80 máquinas durante a crise do coronavirus.  

 O oficial xefe da Policía Local de Tomiño, José Ramón Álvarez Riveiro, salienta o feito de que a non ser polo ofrecemento deste veciño, a desinfección non podería facerse, porque aínda que a Xunta ofreceu realizala en Pontevedra, resultaría prácticamente inviable levar todos os coches até alí cada día.  

 A alcaldesa de Tomiño, pola súa banda, agradece publicamente a xenerosidade deste empresario local que, de forma totalmente desinteresada, permite desinfectar dun xeito profundo e moito máis fiable os locais e coches cos que traballan os axentes da Policía Local, Garda Civil e Agrupación de Protección Civil, todos moi necesarios nestes difíciles días que nos tocan vivir.

Ningún comentario:

Publicar un comentario