15 de abr. de 2020

O ROSAL

A PLATAFORMA ‘#EUQUEDONACASA’ ESTREA MÁIS EXPERIMENTOS, MANUALIDADES E RECEITAS  

Todas as persoas interesadas poden seguir enviando fotografías para participar no xogo ‘Desde a miña ventá’ 


Informa: Concello do Rosal

 Dende o Concello seguimos propoñendo actividades sinxelas e divertidas para pasar o tempo de confinamento en familia. A plataforma ‘#euquedonacasa’ estrea esta semana novas ideas coas que entreternos durante estes días, como novos experimentos con elementos que se poden atopar na casa e explicados paso a paso, como pode ser a ‘Chamarada cítrica’ ou ‘O vaso que ten sede’. Dentro deste espazo interactivo tamén se poden atopar novas manualidades coas que decorar e xogar na casa, moitas delas feitas con materiais de refugallo, fomentando ademais da diversión en familia a xestión responsable dos residuos. Así, entre as novas propostas poden atoparse ideas para construír as pezas coas que xogar ao ‘Lixibol’, crear cubre-oveiras, facer unha ovella de Pascua, decorar unha camiseta ou mesmo facer divertidas figuras co cartón dos rolos de papel hixiénico.  

 Para os amantes da cociña, ‘#euquedonacasa’ achega novas receitas saudables e sinxelas coas que os nenos e nenas poden comezar a dar os seus primeiros pasos no mundo da cociña, sempre coa supervisión dunha persoa adulta. Macarróns con queixo, cous-cous vexetal, tortiñas caseiras moi sinxelas… son algunhas das receitas que se poderán atopar neste apartado.  

 E seguimos cos xogos colectivos e cooperativos. Continúa o xogo de fotografía ‘Desde a miña ventá’, que irá aglutinando neste espazo todas as fotos enviadas pola veciñanza xa publicadas nas redes sociais do Concello indicando en que zona ou barrio foi feita. As persoas interesadas en participar neste xogo poden seguir enviando as súas propostas ao correo electrónico euquedonacasa@concellodorosal.gal poñendo nome e apelidos, número de teléfono e localización onde foi tomada a imaxe. Dende o Concello queremos agradecer a grande acollida que tivo esta iniciativa e o gran número de fotografías recibidas dende o inicio do xogo.  

 Lembramos tamén que nesta plataforma pode atoparse ademais un recuncho de lectura no que se poderá desfrutar dos ‘Contos contados’ de KalandrakaTv, unha iniciativa posta en marcha por esta editorial para amenizar a corentena durante o estado de alarma e levar o amor pola literatura a todos os fogares a través de vídeos coa narración de contos tradicionais, ou acceder a GaliciaLe, unha plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas.  

 Entre os contidos de #euquedonacasa están tamén as recomendacións feitas pola psicóloga rosaleira Andrea Iglesias para levar do mellor xeito este tempo de confinamento, consellos xerais ou destinados a familias coas que xestionar o malestar psicolóxico que pode xurdir tras unha corentena tan longa; recomendacións sobre reciclaxe e a xestión de residuos no día a día ou unha serie de guías de emprego vinculadas a organismos oficiais coas que resolver posibles dúbidas e problemas xurdidas durante o estado de alarma.  

 Todas as rosaleiras e rosaleiros poden contribuír a enriquecer esta plataforma municipal e interactiva achegando as súas ideas, suxestións ou inquedanzas a través do correo electrónico euquedonacasa@concellodorosal.gal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario