A Xunta de Galicia presenta a autónomos e emprendedores a nova guía de recomendacións preventivas de saúde laboral ante o coronavirus
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo un encontro con representantes de AJE Galicia e das súas principais delegacións no que presentou este documento que coincide co reinicio da actividade empresarial e industrial en sectores non esenciais
O conselleiro de Economía, Emprego e
Industria, Francisco Conde, mantivo esta mañá unha reunión con
representantes de AJE Galicia e das súas principais delegacións
Foto: X.G.
As recomendacións permiten compatibilizar a seguridade laboral das persoas coa actividade económica
O Goberno autonómico traballa en dous escenarios con emprendedores, autónomos e pemes: con medidas a curto prazo para inxectar liquidez e dar respostas inmediatas ao tecido empresarial, e con medidas a medio prazo para estar preparados para a reactivación económica tras o coronavirus
Infogauda / Galicia
O conselleiro de Economía, Emprego e
Industria, Francisco Conde, mantivo esta mañá unha reunión con
representantes de AJE Galicia e das súas principais delegacións dentro
da rolda permanente de contactos que o Goberno autonómico está
realizando cos principais axentes económicos e sociais para dar
respostas áxiles, eficientes e consensuadas ante o escenario actual.
Entre
outros asuntos, durante a videoconferencia, abordouse o retorno hoxe á
actividade dos sectores non esenciais. Neste sentido, a Xunta, a través
do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), elaborou
unha nova guía de recomendacións preventivas de saúde laboral ante o
coronavirus co obxectivo de garantir a saúde das persoas traballadoras
no reinicio da actividade empresarial e industrial. “Queremos que o
reinicio na actividade se poida producir en condicións de seguridade con
recomendacións que permitan compatibilizar a saúde e seguridade laboral
dos traballadores coa actividade económica”, explicou o conselleiro.
O
documento recolle medidas para as diferentes situacións. Así,
enuméranse as recomendacións que se deben adoptar antes de iniciar a
actividade, entre as que se encontran quedar no domicilio en caso de ter
unha temperatura superior a 37º, presentar síntomas respiratorios ou se
se estivo en contacto cunha persoa enferma máis de 15 minutos a unha
distancia inferior a dous metros. En canto aos desprazamentos ao
traballo a recomendación xeral, sempre que sexa posible, é utilizar un
medio individual; no transporte colectivo ou compartido precísase o uso
de máscara hixiénica.
Tamén se inclúen medidas para garantir a
distancia de seguridade de dous metros tanto á entrada como á saída do
centro e durante a permanencia -ademais de utilizar medidas de
flexibilidade e quendas de traballo, limitar actividades presenciais ou
evitar aglomeracións-, medidas organizativas -como contar cun plan de
continxencia, un plan de limpeza e desinfección ou un protocolo para
evitar o contaxio- e de hixiene e limpeza, tanto persoal -como o
lavado de mans, a hixiene respiratoria ou recomendacións para o lavado
da roupa de traballo- como do propio centro. A guía inclúe apartados
sobre o uso de máscaras e equipos de protección individual e tamén de
xestión de residuos.
Por outra parte, Conde trasladou aos
representantes de AJE que a Xunta está traballando en dous escenarios.
En primeiro lugar no curto prazo, con medidas económicas de choque para
inxectar liquidez inmediata no tecido empresarial, como a liña de
préstamos de ata 200.000 euros que xa rexistrou máis de mil solicitudes
por importe de 79,3M€; o aprazamento das cotas de amortización e xuros; a
axilización do pago a provedores; ou a suspensión dos prazas para a
presentación de varios impostos.
E, en segundo lugar, con
iniciativas a medio prazo para estar preparados para a reactivación
económica tras o coronavirus que se centrarán no apoio aos
investimentos, o impulso ao emprego e no estímulo á demanda para
potenciar os sectores máis resentidos. O obxectivo é contar con medidas
que volvan situar aos autónomos e ás pemes como o verdadeiro motor da
recuperación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario