Nunha semana de xuntanzas virtuais coas federacións deportivas galegas de atletismo, automobilismo, fútbol e vela
A Xunta de Galicia recorda ás federacións deportivas que "a actividade non poderá reiniciarse ata que existan garantías absolutas de seguridade e hixiene"
Barállase a posibilidade de que a actividade 6-16 poida ser retomada cara ao último trimestre do ano, en función da evolución da situación
Valoraranse medidas do Plan Marshall deportivo, moitas delas xa avanzadas pola Xunta, para actuar en consonancia coas demais comunidades autónomas
Trabállase na elaboración dun calendario alternativo para o automobilismo galego, no suposto de que se poidan manter os rallys, e analízase a posibilidade de que os campionatos de vela poidan ter lugar cara a finais de ano
Infogauda / Galicia
A Secretaría Xeral para o Deporte
continúa coa súa serie de encontros virtuais con todo o tecido deportivo
galego para estudar as diferentes medidas a tomar para minimizar os
prexuízos da declaración do estado de alarma por mor do coronavirus no
eido deportivo. Esta semana foi a quenda das federacións deportivas
galegas de atletismo na xornada do martes, fútbol na xornada do
mércores, vela na xornada do xoves e automobilismo no día de hoxe.
Nestas
reunións, federacións e Xunta analizaron o estado do convenio de
colaboración asinado entre os dous entes para realizar na súa
integridade a totalidade das actuacións, actividades, funcións e tarefas
que, conforme a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia,
asumen as federacións deportivas en réxime de exclusividade. Do mesmo
xeito, estudáronse as posibilidades de resolver as competicións que
quedaron suspendidas polo coronavirus ou o xeito de retomar a actividade
deportiva con todas as garantías de seguridade. A todos os
responsables, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa,
trasladoulles que “a actividade non poderá reiniciarse ata que existan
garantías absolutas de seguridade e hixiene e non se poidan producir
contaxios”.
No caso da Real Federación Galega de Fútbol,
barallouse a posibilidade de que a actividade 6-16 poida ser retomada
cara ao último trimestre do ano, en función da evolución da situación.
Con todo, a través da póliza do seguro deportivo que sufraga
integramente a Xunta de Galicia, garántese a cobertura actual dos
deportistas que estean en período de curación, operación ou
rehabilitación.
Ademais, como presidente da Unión de Federacións
Deportivas de Galicia (Ufedega), Rafael Louzán e Lete Lasa analizaron o
Plan Marshall para o deporte que a plataforma de Unión de Federaciones
presentou ao Consejo Superior de Deportes (CSD), destacando que moitas
das medidas propostas xa foran avanzadas desde a Xunta de Galicia. De
todos os xeitos, a Secretaría Xeral para o Deporte valorará algunhas
destas medidas en consonancia coa realidade concreta doutras comunidades
autónomas. Cómpre salientar que o CSD aínda non deu resposta sobre a
comunicación enviada o pasado 30 de marzo na que se solicitaba
información sobre as decisións adoptadas respecto das competicións
deportivas oficiais de ámbito estatal nas distintas modalidades.
Federación Galega de Automobilismo
No
día de hoxe, o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván
Corral, e o secretario xeral analizaron as posibilidades de modificar o
calendario do campionato galego, sempre en consonancia coa realidade de
cada momento e de acordo cos organizadores dos rallys, as escudarías.
Deste
xeito, ambas entidades acordaron traballar na elaboración dun
calendario alternativo, no suposto de que se poidan manter os rallys,
así como realizar actuacións para minorar as cargas das escudarías como
dereitos de participación, cronometraxes ou desprazamentos.
Federación Galega de Atletismo
Por
outra banda, a Federación Galega de Atletismo no nome do seu
presidente, Isidoro Hornillos, informou á Secretaría Xeral do persoal
que ten en nómina e que segue a desempeñar as súas funcións tras a
aplicación dun ERTE parcial, así como do estado das súas contas nas que
se mantén a importante achega da Administración autonómica. Ambas
entidades formularon a posibilidade de retomar a actividade 6-16 cara ao
último trimestre do ano.
Real Federación Galega de Vela
No
que atinxe á Real Federación Galega de Vela, o secretario xeral
felicitou ao presidente da federación, Manuel Villaverde, polo bo estado
das contas e analizouse a posibilidade de que os campionatos nacionais
que foron suspendidos poidan ser levados a cabo, sempre que a situación
así o permita, así como as competicións internacionais para aqueles
deportistas galegos clasificados no último trimestre do ano.
O enderezo electrónico para as consultas estritamente deportivas como consecuencia da situación de COVID-19 segue funcionado a pleno rendemento para clubs e federacións (incidencias-federacions.deporte@xunta.gal).
O enderezo electrónico para as consultas estritamente deportivas como consecuencia da situación de COVID-19 segue funcionado a pleno rendemento para clubs e federacións (incidencias-federacions.deporte@xunta.gal).
Ningún comentario:
Publicar un comentario