Economía e Turismo avalían co sector turístico medidas específicas que faciliten o mantemento do tecido empresarial
Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuníronse co Clúster Turismo de Galicia para analizar a situación actual e traballar no escenario de saída da crise sanitaria
O conselleiro de Economía, Emprego e
Industria e o de Cultura e Turismo, Román Rodríguez,
mantiveron hoxe unha videoconferencia cos representantes do Clúster
Turismo de Galicia
Foto: X.G.
Foto: X.G.
Infogauda / Galicia
O conselleiro de Economía, Emprego e
Industria, Francisco Conde, e o de Cultura e Turismo, Román Rodríguez,
mantiveron hoxe unha videoconferencia cos representantes do Clúster
Turismo de Galicia, encabezado polo seu presidente, Cesáreo Pardal, para
avaliar as necesidades do sector como consecuencia da crise sanitaria
do coronavirus. Trátase dun encontro enmarcado na rolda de contactos
posta en marcha pola Xunta de Galicia para avanzar de xeito conxunto no
deseño de medidas, coñecendo de primeira man as súas achegas.
No
transcurso desta xuntanza avaliáronse as principais demandas do sector
tanto no curto como a medio e longo prazo, tendo en conta que o
escenario de saída do estado de alarma, que deberán concretar as
autoridades sanitarias, poderá condicionar a súa actividade. Por iso,
abordáronse iniciativas centradas no mantemento empresarial, o contexto
laboral, a disposición de liquidez ou a aposta por medidas de transición
dixital.
O titular de Cultura e Turismo explicou que o Goberno
autonómico xa traballa nun plan de reactivación dotado con 25 millóns de
euros para o conxunto do seu departamento co obxectivo de priorizar o
emprego e o mantemento do tecido empresarial dun sector que resulta
estratéxico para a nosa Comunidade. De feito, o turismo representa o 11%
do emprego xerado en Galicia e supón máis dun 10% do seu Produto
Interior Bruto (PIB).
Nesa liña, referiuse tamén ao plan de
seguridade sanitaria avanzado esta semana, que buscará xerar confianza
no sector e dar as máximas garantías tanto aos usuarios como aos propios
traballadores. Do mesmo xeito, sinalou a importancia de aproveitar o
Xacobeo 2021 como un elemento de reactivación económica pola súa
especial incidencia no turismo.
Pola súa banda, o conselleiro de
Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, trasladou ao Clúster
Turismo de Galicia que as empresas deste sector –un dos máis afectados
pola crise do Covid-19– poden acceder ás liñas de financiamento postas
en marcha pola Xunta, como a de préstamos que mobilizará 250 millóns de
euros para cubrir gastos esenciais como facturas, salarios ou alugueres.
Tamén se adoptaron medidas de suspensión de prazos para a presentación
de certos impostos e aprazamento das cotas de amortización e xuros dos
préstamos formalizados coa Xunta.
Ademais, lembrou que o Goberno galego ten activadas varias canles para que os autónomos e pemes poidan estar informados e resolver todas as dúbidas que teñan con respecto ás distintas medidas económicas postas en marcha como o teléfono gratuíto da Liña Empresas (900 815 600), a web https://ceei.xunta.gal/coronavirus, ou a aplicación para móbiles Gohu.
Ademais, lembrou que o Goberno galego ten activadas varias canles para que os autónomos e pemes poidan estar informados e resolver todas as dúbidas que teñan con respecto ás distintas medidas económicas postas en marcha como o teléfono gratuíto da Liña Empresas (900 815 600), a web https://ceei.xunta.gal/coronavirus, ou a aplicación para móbiles Gohu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario