25 de mar. de 2020

SANIDADE

O servizo de limpeza do Álvaro Cunqueiro, ao borde do colapso tras o contaxio de varios traballadores/as 

Dende o comité denuncian que a empresa ocultou un contaxio e non solicitou as probas doutra persoa con sospeitas 

Infogauda / Vigo

 O comité de empresa e o comité de seguridade e saúde da limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo alertan de que o servizo se atopa o borde do colapso tras o contaxio de varios traballadores/as, até o punto de que xa se está a descoidar a limpeza das zonas comúns do centro sanitario. A representación do cadro de persoal denuncia que a empresa de limpeza, Acciona, ocultou que unha persoa estaba infectada e non solicitou as probas para outra con sospeitas, polo que agora xa son seis os afectados/as, todos/as eles/as membros do comité. 

 Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, critican a falta de previsión de persoal e de medios coordinados dende que empezou a crise sanitaria provocada polo Covid-19. “Dende o minuto un fomos conscientes da necesidade de preparar o noso persoal para que tivera procedementos apropiados de limpeza e protección, e ante a falta de protocolos adaptados ó noso traballo de limpeza e recollida de residuos tomamos a iniciativa de elaboralos e contrastalos co departamento de Medicina Preventiva”. 

 Ao mesmo tempo, indican que sabían da falta de medios de protección coa que se podían atopar a medida que os contaxios foran medrando, “polo que tratamos de formar e concienciar o cadro de persoal da responsabilidade que tiñamos á hora de traballar: con seguridade, pero adaptándonos ao risco”. Mais censuran que ao tratarse dun centro sanitario, no que o traballo é unha cadea, “de nada valeu que nós tivésemos procedemento, xa que non había coordinación con todo o persoal sanitario; consecuentemente, levamos tres semanas sufrindo peticións de servizo moitas veces con falta de criterio unificado e razoable, sobrecargando todas as quendas de traballo e, incluso, expoñéndonos e usando recursos sen necesidade, por falta de información”. 

 Sinalan que a empresa fixo unha primeira contratación e persoal que xa é insuficiente. Isto provoca que a día de hoxe se estean a descoidar, por falta de persoal, as limpezas das zonas comúns, como vestiarios, salas de lecer, ascensores, urxencias, etc. Asemade, “cremos que non se están a dar indicacións coordinadas e efectivas entre o persoal para evitar contaxios intercentro”. 

Ocultación de contaxios 

 Por outra banda, denuncian que o servizo de prevención da empresa “está desaparecido”, cando consideran que tiña que estar solucionando as cuestións relativas á formación, coordinación co servizo de Medicina Preventiva do hospital, xestión de baixas de persoal de risco (embarazadas, oncolóxicos/as, traballadores/as con enfermidades crónicas respiratorias, etc). 

 Diante disto, son os propios/as delegados/as os que teñen que tomar a iniciativa en moitas xestións que non lles corresponden, “por responsabilidade co cadro de persoal e coa cidadanía”. Isto fai que o persoal estea a facer un sobreesforzo “porque traballamos con doentes e é momento de aportar”. 

 Pero a empresa, ademais de non asumir as súas responsabilidades, tamén ocultou durante dous días o contaxio dunha persoa, “supoñemos que nas oficinas da empresa de limpeza”, e agora mesmo hai seis integrantes do comité de empresa infectados e de baixa por non ter comunicado ese positivo. 

 Noutro caso, unha traballadora do servizo con sospeitas pediulle á empresa que lle fixera as probas. “Como dous días despois non lle daban os resultados chamamos a Medicina Preventiva, e cal foi a nosa sorpresa cando nos din que ninguén solicitara as probas, polo que esta persoa estivo catro días a traballar sen parar até que hoxe mesmo pola mañá se coñeceu que era positivo, polo que puido contaxiar na súa casa e a moita máis xente”. 

 Finalmente, critican que Acciona estea a permitir esta total falta de precaución e prevención. “Tratamos de manter a calma polo ben da cidadanía e pola propia xestión hospitalaria, pero o tempo que tiñamos para prever xa non o temos; se as autoridades competentes non fan unha análise real da situación deste hospital, en canto a necesidades materiais e humanas, dubidamos, que no noso ámbito, que son os residuos e a limpeza, poidamos conter eficazmente este virus”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario