A conselleira Ethel Vázquez mantivo esta mañá unha reunión, por videoconferencia, con Ramón Alonso, presidente de Fegatramer, na que analizaron a orde ministerial publicada hoxe no BOE con efectos no sector
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aborda coa Federación Galega de Transportes de Mercadorías o avance nas medidas destinadas a facilitar a súa actividade
A titular de
Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo esta mañá un
encontro, por videoconferencia, con Ramón Alonso, presidente de
Fegatramer
Foto: X.G.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade pídelle aos transportistas que verifiquen que o listado de aloxamentos turísticos autorizado para servir aos servizos esenciais se adapta ás súas necesidades
Comprométese a traballar para que se axilice no posible a distribución entre estes profesionais dos elementos de protección e hixiene comprometidos polo Ministerio de Transportes
Analizaranse as demandas de flexibilización nos pagamentos do sector de transportes de mercadorías que viron baixar a súa actividade como consecuencia do estado de alarma
Infogauda / Galicia
A Consellería de Infraestruturas e
Mobilidade abordou hoxe coa Federación Galega de Transportes de
Mercadorías (Fegatramer) o avance nas medidas destinadas a facilitar a
súa actividade, un servizo imprescindible para garantir que os produtos
de primeira necesidade cheguen á xente no actual escenario de estado de
alarma e emerxencia sanitaria polo COVID-19.
A titular de
Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo esta mañá un
encontro, por videoconferencia, con Ramón Alonso, presidente de
Fegatramer, con quen analizou as novidades derivadas da orde ministerial
publicada hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE) e que ten efectos na
actividade do sector. Trátase dun documento que recolle parte das
demandas trasladadas onte unanimemente polas autonomías na Conferencia
sectorial de Transportes celebrada co ministro José Luis Ábalos.
Na
xuntanza de onte, a Xunta de Galicia trasladoulle ao Ministerio de
Transportes a necesidade de articular medidas para asegurar o acceso por
parte dos profesionais do sector a aseos e baños en boas condicións,
así como zonas de aprovisionamento de comida e lugares onde poder
aloxarse.
A orde publicada hoxe no BOE declara servizos esenciais
determinados aloxamentos turísticos para permitir o aloxamento dos
traballadores que están a realizar actividades esenciais, como é o caso
dos profesionais do transporte de mercadorías.
A titular de
Infraestruturas e Mobilidade pediulle ao presidente de Fegatramer que o
sector analice o listado de aloxamentos incluídos para verificar que
responde axeitadamente ás necesidades dos transportistas galegos ou se
cómpre modificar ou completar esa relación.
Ethel Vázquez tamén
lle trasladou ao presidente de Fegatramer a unanimidade das comunidades
na petición ao Ministerio de que se estableza un protocolo sobre o uso e
distribución de mascarillas e dos elementos de protección e hixiene
necesarios entre os profesionais do sector de cara a evitar e minimizar
os posibles contaxios.
Nese sentido, comprometeuse a traballar
para intentar que se axilice na medida do posible a distribución entre
os profesionais dos elementos de protección e hixiene comprometidos polo
Ministerio de Transportes.
Por outra banda, na reunión desta mañá
o presidente de Fegatramer trasladou a necesidade de adoptar medidas
para aliviar a carga financeira daqueles profesionais do sector de
transportes de mercadorías que viron baixar moito a súa actividade como
consecuencia das restricións establecidas polo estado de alarma. A
conselleira tomou nota da solicitude e asegurou que será analizada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario