O ano arranca no Rosal cunha ducia de actividades e máis de 50 horas de lecer
• Sen parón tras a festas do Nadal, o Concello prepara unha axenda cultural chea de teatro, música, contacontos, mostras, deporte e festas para todos os públicos
• Comezará este domingo 18 con ‘Arraiadas’, de Chirlomirlo Teatro, unha historia de humor sobre o contrabando na posguerra. Ás 19 h no auditorio municipal
Infogauda / O Rosal
A cultura non ten preguiza no Rosal. Nada máis pecharse as festas do Nadal, o Concello prepara un inicio de ano vibrante cun calendario que suma máis de medio cento de horas de lecer e unha ducia de propostas pensadas para todos os públicos e todos os gustos. Teatro, música, contacontos, obradoiros, exposicións, deporte e celebracións populares darán forma a unha programación que arranca esta mesma fin de semana e que converterá ao Rosal nun gran escenario de cultura viva.
O pistoletazo de saída será este domingo 18, cando o auditorio municipal acolla, a partir das 19.00 h, a representación de Arraiadas, da compañía Chirlomirlo Teatro. Trátase dunha obra en clave de humor que recrea o contrabando da posguerra no Baixo Miño e que contou co asesoramento da doutora en Historia e veciña de Tomiño, Natalia Jorge, para garantir a autenticidade das historias. A función, que é de balde, é para todos os públicos.
A programación continuará cun completo calendario de actividades. O venres 23 de xaneiro ás 18.00 h chegará unha nova sesión dos Venres Rebuldeiros á biblioteca municipal, con Tralará, contos, obxectos e música. O sábado 24 ás 20.00 h o auditorio acollerá un concerto solidario con Palestina organizado polo Colectivo Carballas, mentres que en San Xoán de Tabagón terá lugar a inauguración da exposición de fotografías da Saúde e San Brais.
A axenda seguirá o domingo 25 ás 10.00 h coa Romaría de San Vicente en Marzán, organizada pola Comisión de Festas coa colaboración do Concello. Para pechar o mes, celebrarase a tradicional Festa da Saúde e San Brais os días 30 e 31 de xaneiro e 1 de febreiro en San Xoán de Tabagón, tamén organizada pola comisión de festas en colaboración co Concello.
Febreiro chegará igualmente cargado de propostas. O sábado 7 celebrarase ao abeiro dos Venres Rebuldeiros na biblioteca municipal o Obradoiro de Música en Familia, con dobre pase ás 11.00 h e ás 12.00 h, previa inscrición. O domingo 15 será a quenda do desfile do Entroido polas rúas do Calvario e continuarase os días 15, 16 e 17 coa festa de Entroido en Fornelos e Novás, organizadas polas comisións de festas en colaboración co Concello.
O domingo 22 chega unha nova edición do Trail Adventure Muíños do Folón, unha proba con dúas distancias que reunirá a corredores e corredoras de toda Galicia nun dos enclaves naturais e etnográficos máis emblemáticos do Baixo Miño. As persoas interesadas poden inscribirse xa a través da web.
Tamén o domingo 22 ás 19.00 h o auditorio municipal acollerá a Gala do Día de Rosalía, coa actuación de Mallou. O mes completarase cunha nova sesión dos Venres Rebuldeiros o venres 27 ás 18.00 h con Rosalía a Cantareira e o sábado 28 ás 18.00 h co Torneo de Cachiza en Pías, organizado pola Comisión de Festas de San Gregorio.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, salientou que “comezamos o ano con forza, coa mirada posta na cultura, na convivencia e na participación veciñal, elementos que fan do Rosal un municipio vivo e dinámico. Esta programación está pensada para que ninguén quede atrás e que cativada, mocidade, persoas adultas e maiores teñen espazos de encontro e desfrute ao longo de todo o ano”.
A rexedora quixo agradecer tamén “o traballo do tecido asociativo, xa que as comisións de festas, colectivos sociais, deportivos e culturais e veciñanza fan posible que esta axenda sexa tan ampla e diversa. O Concello seguirá ao seu carón, apoiando e impulsando iniciativas que reforcen a nosa identidade e o noso sentido de comunidade”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario